PRIMEIRA CARTA A TIMOTEO - Capítulo 3
Capítulo 3
Virtudes dos “bispos”
- 1Esta é palabra segura: aquel a quen lle tire o “episcopado”, desexa unha boa función.
- 2Pero cómpre que o “bispo” sexa irreprensible, home dunha soa muller, sobrio, asisado, comedido, hospitalario, capaz para o ensino;
- 3nin bebedor nin camorrista, senón indulxente; home de paz, non amigo dos cartos.
- 4Que goberne ben a propia casa e teña os fillos ben guiados, con dignidade,
- 5(pois se un non sabe estar á fronte da súa familia, como vai saber coidar a Igrexa de Deus?).
- 6Non neófito, para que non caia na condenación como caeu o Príncipe do Mal, ensoberbecéndose.
- 7Cómpre que teña boa sona tamén entre os de fóra, para evitar o desprestixio e que o atrape o demo.
Bos modos dos “diáconos”
- 8Da mesma maneira, que os “diáconos” sexan serios, sen retranca, nin moi amigos do viño nin dos negocios sucios,
- 9conservando o misterio da fe nunha conciencia limpa.
- 10Tamén a eles os hai que someter á proba primeiro; despois, se están sen tacha, que exerzan o ministerio.
- 11Sexan tamén así as súas mulleres: púdicas, nin lingoreteiras nin amigas do viño, en todo de fiar.
- 12Que os “diáconos” sexan homes dunha soa muller, que saiban gobernar ben os seus fillos e as súas familias,
- 13porque os que exercen ben este ministerio, adquiren para si un posto nobre e unha gran liberdade na fe que temos en Cristo Xesús.
O cristián na Igrexa
- 14Escríboche isto, esperando ir onda ti axiña.
- 15Por se tardar, rógoche que saibas comportarte como convén na familia de Deus, que é a Igrexa do Deus vivo, columna e alicerce da verdade.
- 16Estamos todos de acordo en que é grande o misterio da nosa relixión:
- Que se manifestou como home,
- xustificou no Espírito,
- apareceulles aos mensaxeiros,
- predicáronllelo aos xentís,
- creu nel todo o mundo,
- foi exaltado na gloria.