PRIMEIRA CARTA A TIMOTEO - Capítulo 4
Capítulo 4
Denuncia das falsas doutrinas
- 1O Espírito di ben claro que nos tempos derradeiros algúns se afastarán da fe e lles farán caso a espíritos mentireiros e á doutrina dos demos,
- 2extraviados por raposeiros argallantes que teñen cauterizada a súa conciencia.
- 3Estes prohibirán que a xente case e coma certos alimentos, sendo así que Deus os creou para que con gratitude os coman os que cren e os que coñecen a verdade.
- 4Porque todo o que Deus creou é bo e nada é rexeitable, cando se come con gratitude,
- 5porque o santifica a palabra de Deus e a oración.
As virtudes do bo ministro de Cristo
- 6Propoñéndolles estas cousas aos irmáns, serás un bo servidor de Cristo Xesús, alimentado coas palabras da fe e da boa doutrina, que con tanto coidado seguiches.
- 7Rexeita as fábulas profanas e antigas, e exercítate na auténtica piedade.
- 8O exercicio corporal é útil para pouco tempo; pero a piedade verdadeira é útil para sempre, porque contén a promesa da vida presente e da que está por vir.
- 9Esta palabra é moita verdade e todos debían acollela:
- 10para isto traballamos e loitamos, porque esperamos en Deus vivo, que é o Salvador de todos os homes e maiormente dos que cren.
- 11Pregoa e ensina estas cousas.
- 12Que ninguén faga pouco de ti por seres tan novo. Ti faite exemplo dos que cren: en ditos e feitos, en caridade, en fe, en limpeza.
- 13Mentres non chego, dedícate á lectura, á exhortación, ao ensino.
- 14Non descoides o carisma que hai en ti, que se che deu pola profecía coa imposición das mans dos “presbíteros”.
- 15Coida estas cousas, mantente nelas, para que todos vexan como progresas.
- 16Preocúpate de ti e da doutrina; mantente en todo iso, que, facéndoo, te salvarás ti e salvarás os que che fagan caso.