PRIMEIRA CARTA A TIMOTEO - Capítulo 5
Capítulo 5
Consellos para o bo goberno da comunidade. Os fieis en xeral
- 1A un vello non o reprendas con dureza, senón exhórtao, como a un pai; aos mozos, como a irmáns;
- 2ás vellas, como a nais; ás mozas, como a irmás, con toda delicadeza.
Normas respecto das viúvas
- 3Honra ás viúvas que o son de verdade.
- 4Se unha viúva ten fillos ou netos, que aprendan estes primeiro a respectar á propia familia e a corresponderlles aos seus pais, porque isto é o que lle agrada a Deus.
- 5A viúva de verdade, a que está desamparada, pon a súa esperanza en Deus e persevera nas oracións e súplicas noite e día.
- 6Pero a que se bota á vida do pracer, xa está morta en vida.
- 7Recoméndalles estas cousas, para que sexan irreprensibles.
- 8Se algún non coida dos seus e maiormente dos da propia familia, renega da fe, e é peor ca un non crente.
- 9Inscribe como viúva só a que teña máis de sesenta anos, que for muller dun só marido
- 10e con sona de boas obras: se educou ben os fillos, se foi hospitalaria, se lavou os pés dos santos, socorreu os que o estaban pasando mal e aproveitou todas as ocasións de facer o ben.
- 11Non inscribas as viúvas novas porque, cando o pracer contrario a Cristo as atrae, queren casar.
- 12Incorren así en culpa por teren faltado á primeira fidelidade.
- 13Ao mesmo tempo afanse a ser preguiceiras, andando polas casas; e non só preguiceiras, senón tamén baralleiras e falando o que non convén.
- 14Quero, logo, que as máis mozas casen, críen fillos, gobernen a casa e non dean motivo ningún de discusión ao inimigo:
- 15porque, algunhas xa se extraviaron detrás do Príncipe do Mal.
- 16Se algunha crente ten viúvas ao seu cargo, que as asista, de xeito que non sexan un peso para a Igrexa, e así poida esta socorrer ás que son de verdade viúvas.
A conduta dos presbíteros
- 17Os “presbíteros” que presiden ben, son dignos dun dobre honor, maiormente os que se afanan na predicación e no ensino.
- 18Porque di a Escritura: non lle porás bozo ao boi que trilla o gran; e tamén: o obreiro ten dereito ao seu xornal.
- 19Contra un presbítero, non escoites acusación, agás no caso de que dúas ou tres testemuñas a sosteñan.
- 20Aos culpables repréndeos diante de todos, para que os demais collan medo.
- 21Pídoche de corazón ante Deus e Cristo e os anxos escolleitos, que gardes estes consellos sen prexuízos e sen facer nada con parcialidade.
- 22Non impoñas deseguida as mans a ninguén, para non te faceres cómplice das faltas alleas. Consérvate limpo ti mesmo.
- 23Non bebas auga soa, toma un chisco de viño por mor do teu estómago e das túas frecuentes doenzas.
- 24Os pecados de certos homes logo se manifestan, xa antes de levalos a xuízo; os doutros, en cambio, só despois do xuízo se descobren.
- 25Do mesmo xeito, tamén as obras boas son públicas; e as que non o son, tampouco non se poden agachar.