PRIMEIRA CARTA A TIMOTEO - Capítulo 6
Capítulo 6
Actitude dos escravos
- 1Todos os que están baixo o xugo da escravitude, teñan aos seus propios amos por dignos da maior estima, para que non se maldiga o nome de Deus nin se desprece a doutrina.
- 2Os que teñan amos crentes, non lles falten á consideración por seren irmáns; ao contrario, sírvanos mellor, por seren crentes e irmáns os que reciben os seus bos servizos.
As falsas doutrinas e as verdadeiras ganancias
Isto é o que tes que ensinar e recomendar. - 3Se alguén ensina outra cousa e non segue as boas palabras __as do noso Señor Xesús Cristo, a doutrina conforme á verdadeira piedade__,
- 4faise un soberbio: non entende nada, senón que se aparva con controversias e discusións baleiras, das que nacen envexas, rifas, palabras inxuriosas e malas sospeitas,
- 5discusións parvas de homes con mente corrompida, carentes da verdade, que teñen a verdadeira piedade coma unha fonte de ganancia.
- 6E certamente a verdadeira piedade, cando un se conforma co que ten, é a mellor fonte de ganancia.
- 7Porque nada trouxemos ao mundo e nada podemos levar del.
- 8Contentémonos con ter para comer e para vestir.
- 9Os que se queren facer ricos, caen en tentacións e trapelas e en moitas cobizas, todas perigosas, que botan os homes a perder e á ruína.
- 10A raíz de todos os males é a avaricia: algúns, dominados por ela, afastáronse da fe e envurulláronse a si mesmos en moitas dores.
Encomenda a Timoteo
- 11Pero ti, home de Deus, fuxe desas cousas e procura a xustiza, a piedade verdadeira, a fe, a caridade, a paciencia e a mansedume.
- 12Loita na fermosa competición da fe, procura a vida eterna á que te chamaron e que confesaches de maneira brillante diante de moita xente.
- 13Mándocho ante Deus, que fai vivir todas as cousas, e ante Cristo Xesús, que con tan magnífica confesión, deu testemuño ante Poncio Pilato:
- 14garda o mandamento, sen lixo e sen tacha, ata a manifestación gloriosa do Señor noso Xesús Cristo.
- 15No seu debido tempo amosarao o Deus bendito e único podente, Rei dos reis e Señor dos señores.
- 16O único que ten a inmortalidade e que habita nunha luz inaccesible. A El ningún home o viu nin o pode ver. A El a honra e o poder eterno. Amén.
Consellos para os ricos
- 17Aos ricos deste mundo mándalles que non sexan altivos nin poñan a esperanza na riqueza incerta, senón en Deus, que nos dá para gozar todas as cousas con gran abundancia.
- 18Que fagan o ben, enriquecidos en boas obras, xenerosos en dar e dadivosos cos demais.
- 19Así atesourarán para si un extraordinario capital para o porvir e acadarán a verdadeira vida.
Saúdo final
- 20Timoteo, garda o depósito, evitando as lerias profanas e as obxeccións da falsa ciencia.
- 21Por andaren niso algúns afastáronse da fe.
A graza sexa convosco!