SEGUNDA CARTA A TIMOTEO - Capítulo 1
Capítulo 1
Saúdo
- 1Paulo, apóstolo de Cristo Xesús por vontade de Deus para anunciar a promesa da vida que hai en Cristo Xesús,
- 2a Timoteo, fillo querido: deséxoche a graza, a misericordia e a paz de Deus e de Cristo Xesús noso Señor.
Fidelidade ao Evanxeo
- 3Doulle grazas a Deus, a quen sirvo desde o nacemento con conciencia limpa, porque decote me lembro de ti nas miñas oracións, noite e día.
- 4Cando me acordan as túas bágoas, véñenme ganas de te ver para me encher de alegría,
- 5lembrando a túa fe sincera, que xa habitou na túa avoa Loide e na túa nai Eunice, e confío que tamén en ti.
- 6Por esta mesma causa recórdoche que reavives o carisma de Deus, que hai en ti pola imposición das miñas mans.
- 7Porque Deus non nos deu un espírito feble, senón forte, de amor e de sobriedade.
- 8Non teñas vergonza de noso Señor, nin de min, preso por el; ao contrario, faite partícipe dos meus sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus.
- 9El vivificounos e chamounos cunha vocación santa, non polas nosas obras, senón polo seu designio e pola graza que nos deu en Cristo Xesús antes de todos os tempos,
- 10e que se manifestou agora pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús. El destruíu a morte e alumou a vida e a inmortalidade por medio do Evanxeo.
- 11Deste Evanxeo constituíronme a min pregoeiro, apóstolo e mestre.
- 12Por esta causa precisamente padezo estas cousas. Pero non me importa, porque sei de quen me fiei, e estou certo que é podente para custodiar ata aquel día o depósito que me confiou.
- 13Mantén como regra as palabras saudables que me escoitaches verbo da fe e da caridade de Cristo Xesús.
- 14Garda o precioso depósito por medio do Espírito Santo, que mora en nós.
- 15Saberás que se distanciaron de min todos os de Asia, entre eles Fíxelo e Hermóxenes.
- 16Concédalle o Señor misericordia á familia de Onesíforo, que me tivo animado moitas veces e non se avergoñou de que eu fora un preso.
- 17Aínda máis, cando cheguei a Roma, axiña me buscou e atopoume:
- 18que o Señor lle conceda achar a súa misericordia naquel día. E cantos servizos fixo en Éfeso, coñécelos ti mellor ca min.