SEGUNDA CARTA A TIMOTEO - Capítulo 2
Capítulo 2
O bo soldado de Cristo
- 1Polo tanto ti, meu fillo, faite forte coa graza que hai en Cristo Xesús.
- 2E todo o que me escoitaches en presenza de tanta xente, propónllelo ti a homes de confianza que sexan capaces de llelo ensinaren a outros.
- 3Comparte os meus traballos coma un bo soldado de Cristo Xesús.
- 4Ningún soldado en activo se deixa enguedellar nos negocios da vida, se quere compracer ao que o alistou.
- 5E a ningún atleta lle dan o premio se non compite conforme ás regras atléticas.
- 6Pero o labrego que traballa é o primeiro que ten dereito a participar dos froitos.
- 7Entende ben o que che digo, pois o Señor hache dar entendemento en todo.
- 8Lémbrate de Xesús Cristo, resucitado dos mortos, da semente de David. Este é o meu Evanxeo,
- 9polo que padezo ata estar preso coma un vulgar criminal. Pero a palabra de Deus non está encadeada.
- 10Por iso soporto todas as cousas por mor dos escolleitos, para que tamén a eles lles toque en sorte a salvación que vén de Cristo Xesús, coa gloria eterna.
- 11Esta é unha gran verdade:
Se morremos con el, tamén viviremos con el.
- 12Se padecemos con el, tamén reinaremos con el.
Se renegamos del, tamén el renegará de nós.
- 13Pero se fallamos na fe, el permanece fiel,
porque non pode renegar de si mesmo.
Gardarse dos falsos mestres
- 14Failles diario o acordo disto, amoestándoos diante de Deus, para que non discutan sobre palabras: que iso non vale para nada máis que para botar a perder aos que escoitan.
- 15Esfórzate por presentarte grato a Deus: coma un traballador que non ten de que se avergonzar, xa que reparte a palabra da verdade.
- 16Evita leriar en van: os que se deixan levar, van sempre a máis na impiedade.
- 17As súas palabras son coma a gangrena. Destes son Himeneo e Fíleto,
- 18que se extraviaron da verdade, dicindo que a resurrección xa aconteceu, e botaron a perder a fe dalgúns.
- 19Con todo, os cimentos sólidos de Deus mantéñense rexos, e teñen o selo seguinte: O Señor coñece aos que son del; e: “afástese da inxustiza todo o que invoca o nome do Señor”.
- 20Nunha casa grande non hai soamente vaixelas de ouro e de prata, hainas tamén de madeira e de barro; e unhas son para uso nobre e outras para uso menos nobre.
- 21Polo tanto, se un se limpa destas cousas, será un utensilio honorable, santificado, útil para o dono, axeitado para todo uso bo.
- 22Fuxe das paixóns da mocidade e procura a xustiza, a fe, o amor e a paz con todos os que invocan ao Señor cun corazón limpo.
- 23Evita as discusións parvas e as controversias testanas, que xa sabes que xeraban loitas:
- 24en quen serve ao Señor non di ben a contenda, senón o ser manso con todos, hábil para o ensino, tolerante;
- 25con moito xeito para educar os contraditores: quizais lles dea Deus a conversión para o coñecemento da verdade,
- 26e para se desenguedellaren das trapelas do Maligno, que os ten apreixados vivos para que lle fagan o que el quere.