SEGUNDA CARTA A TIMOTEO - Capítulo 3
Capítulo 3
Os homes dos tempos derradeiros
- 1Ten ben sabido isto: que nos días derradeiros haberá momentos difíciles.
- 2A xente volverase egoísta, avariciosa, fachendosa, presumida, maldicente, mal guiada cos seus pais, sen caridade, impía,
- 3desnamorada, falsa, calumniadora, altiva, ríspeta, inimiga do bo,
- 4traizoeira, temeraria, foncha, máis amante do pracer ca de Deus;
- 5terá aparencia de piedade, pero renegará da verdadeira forza da mesma. Ti con xente desa non te xuntes.
- 6Porque destes son os que se meten nas casas e engaiolan ás mulleriñas ateigadas de pecados e empurradas por moitas castes de paixóns,
- 7que están sempre aprendendo pero que non dan chegado ao coñecemento da verdade.
- 8E da mesma maneira que Iannes e Iambrés se arrepuxeron contra Moisés, así tamén estes se arrepoñen contra a verdade: homes de mente estragada, réprobos na fe.
- 9Pero non avantarán moito, porque a súa insensatez será manifesta a todos, como o foi a daqueles.
Tarefa dura de Timoteo
- 10Ti, en troques, seguíchesme a min na doutrina, no xeito de vida, nos meus plans, na fe, na paciencia, na caridade, na resistencia
- 11ás persecucións e aos sufrimentos (como os que aturei en Antioquía, en Iconio, en Listra). Que grandes persecucións soportei e de todas me librou o Señor!
- 12E todos os que queiran vivir coma bos cristiáns, padecerán persecución.
- 13Homes ruíns e sedutores irán de mal en peor, enganadores e enganados.
- 14Ti mantente no que aprendiches e no que criches, e que non che esqueza quen cho aprendeu.
- 15Porque xa desde neno coñeces as letras santas, que son podentes para che facer saber o camiño da salvación pola fe en Cristo Xesús.
- 16Toda a Escritura está inspirada por Deus e é útil para ensinar, para corrixir, para emendar, para educar na xustiza.
- 17Dese xeito, o home de Deus tórnase perfecto e competente para toda obra boa.