SEGUNDA CARTA A TIMOTEO - Capítulo 4
Capítulo 4
Exhortación a Timoteo e anuncio da propia morte
- 1E pídoche por favor unha cousa diante de Deus e de Cristo Xesús, que ha vir xulgar a vivos e mortos, pola súa Vinda gloriosa e polo seu reinado:
- 2pregoa a palabra, insiste a tempo e a destempo, corrixe, reprende, aconsella con toda a paciencia que require a doutrina.
- 3Porque virán tempos nos que non escoitarán a verdadeira doutrina, senón que, conforme os seus caprichos, amorearán mestres que lles agarimen os oídos.
- 4Afastaranse de escoitar a verdade e extraviaranse polo terreo dos mitos.
- 5Ti, en troques, mantente sobrio en todo, soporta o mal, fai obra de evanxelista, cumpre ben o teu servizo.
- 6Porque a min xa me falta pouco para derramar o meu sangue, e o meu pasamento está a chegar.
- 7Combatín unha loita brillante, rematei a miña carreira, gardei a fe.
- 8O que me resta é a coroa da xustiza que me está reservada. E o Señor, que é xuíz xusto, hama entregar aquel Día; e non só a min senón a todos os que anhelan a súa Vinda gloriosa.
Consellos persoais
- 9Prepárate para vires onda min axiña,
- 10porque Dimas me deixou, preferindo o mundo presente, e foise para Tesalónica; Crescente, para Galacia; e Tito, para Dalmacia.
- 11Só Lucas está comigo. Recolle a Marcos e tráeo contigo, que me cómpre moito para o ministerio.
- 12A Tíquico mandeino a Éfeso.
- 13Cando veñas, tráeme o capote que deixei en Tróade onda Carpo, e mais os libros, maiormente os pergamiños.
- 14Alexandre, o ourive, fíxome moito mal: o Señor halle dar o pago do que fixo.
- 15Ti, moito ollo tamén, porque fixo moito contra as nosas palabras!
- 16Na miña primeira defensa non me asistiu ninguén, todos me deixaron: Que Deus llelo perdoe!
- 17Pero o Señor asistiume e deume forza para que eu rematase a predicación e todas as nacións a escoitasen. E libroume da boca do león.
- 18O Señor hame librar de toda obra perversa e hame manter vivo para o seu Reino celestial. Sexa para El a gloria polos séculos dos séculos. Amén.
Derradeiros saúdos
- 19Dálles saúdos a Prisca, a Áquila e á familia de Onesíforo.
- 20Erasto quedou en Corinto, a Trófimo deixeino en Mileto.
- 21Apura para te vires antes do inverno. Mándanche saúdos Éubulo e Pudente, Lino e Claudia e todos os irmáns.
- 22O Señor acompañe o teu espírito. A graza vaia convosco.