CARTA A TITO - Capítulo 2
Capítulo 2
Deberes dos diferentes fieis
- 1Pola túa parte, ensina o que é conforme á boa doutrina.
- 2Que os vellos sexan sobrios, serios, prudentes; sans na fe, na caridade, na paciencia.
- 3As vellas, o mesmo: que sexan honestas no coidado da súa compostura, nin lingoreteiras, nin moi amigas do viño, mestras do ben,
- 4para que exhorten ás novas a quereren aos seus homes e aos seus fillos:
- 5asisadas, limpas, boas administradoras da casa, submisas aos seus propios homes, para non desprestixiar a palabra de Deus.
- 6Exhorta tamén aos novos a seren asisados,
- 7mostrándote ti mesmo en todo como exemplo de boa conduta: incorrupto na doutrina e serio.
- 8Ensina unha palabra sa e indiscutible, para que o contrario se avergonce, non tendo nada malo que dicir de nós.
- 9Que os escravos se lles sometan en todo aos seus amos e sexan servizais e non respondóns,
- 10nin raspiñeiros; ao contrario, que sexan plenamente fieis e honrados, para faceren honor á doutrina de Deus, o noso Salvador.
Fundamento deses deberes
- 11Porque a graza de Deus viuse que era fonte de salvación para todos os homes.
- 12Ela ensínanos a que reneguemos da impiedade e das cobizas mundanas e vivamos no mundo presente dun xeito asisado, xusto e respectuoso,
- 13agardando a bendita esperanza e a manifestación gloriosa do noso gran Deus e Salvador Xesús Cristo.
- 14El entregouse por nós, para nos redimir de toda iniquidade e purificar para si un pobo escolleito, afervoado, dedicado ás boas obras.
- 15Di estas cousas, exhorta e reprende con toda autoridade; que ninguén te desprece.