CARTA A FILEMÓN - Capítulo 1
Capítulo 1
- 1Paulo, preso por Cristo Xesús, e mais o irmán Timoteo, saudámoste a ti, o noso querido amigo e colaborador Filemón,
- 2e saudamos tamén á irmá Apia, ao noso camarada Arquipo e á comunidade que se xunta na túa casa.
- 3Desexámosvos a alegría e a paz de Deus, o noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.
- 4Doulle grazas decote ao meu Deus, ao me lembrar de ti nas miñas oracións,
- 5porque oio falar do amor e da fidelidade que tes ao Señor Xesús e a todos os membros do pobo santo.
- 6Pido que a solidariedade da túa fe se poña en marcha, ao comprenderes que todo o ben que temos é para Cristo.
- 7Alegroume e animoume moito a túa caridade, meu irmán: grazas a ti, o pobo santo está máis confortado.
- 8Por iso, aínda que teña liberdade en Cristo para che mandar o que veña ao caso,
- 9cádrame máis pedircho, apelando á túa caridade. Así, sen máis título que ser eu Paulo, un vello que agora está preso por Cristo Xesús,
- 10pídoche por Onésimo, o meu fillo, que xerei estando na cadea.
- 11En tempos foiche inútil, mais agora vai ser un verdadeiro “Onésimo”, é dicir, útil para ti e para min tamén.
- 12Velaí cho mando. Velaí che vai unha parte de min. Recíbeo!
- 13Pensei en me quedar con el, para que me axudase no teu lugar, mentres estou preso polo Evanxeo.
- 14Pero non quixen facer nada sen contar co teu consentimento, para que non fagas este ben á forza, senón porque che sae de dentro.
- 15Igual por iso marchou de onda ti algún tempo: a fin de que agora o recuperes para sempre,
- 16non xa como escravo, senón como algo máis ca escravo: coma un irmán benquerido. Para min é moi querido; moito máis o vai ser para ti, como home e como cristián!
- 17Así que se me consideras un amigo, acólleo coma a min.
- 18Se en algo te prexudicou ou se algo che debe, pono na miña conta.
- 19Eu, Paulo, firmo co meu puño e letra: pagareino eu. Iso para non falar de que ti mesmo te me debes.
- 20Anda, irmán; que eu saque algo de ti no Señor. Tranquilízate ti como cristián.
- 21Escríboche fiando en que me vas facer caso e sabendo que has facer máis do que eu che digo.
- 22Ai, e vaime preparando onde parar, que, grazas ás vosas oracións, ides ter o regalo de que eu vaia aí.
- 23Recordos de Epafras, o meu compañeiro de cadea, en Cristo Xesús.
- 24Saúdos dos meus colaboradores: Marcos, Aristarco, Dimas e Lucas.
- 25A graza do Señor Xesús Cristo sexa convosco!