CARTA AOS HEBREOS - Capítulo 1
Capítulo 1
Exordio: a revelación por medio do Fillo de Deus
- 1En moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando Deus en tempos pasados aos nosos devanceiros por medio dos profetas.
- 2Agora, neste período definitivo, falounos por medio dun que lle é Fillo, a quen fixo herdeiro de todo, pois xa creara por medio del o mundo e as idades.
- 3El é reflexo da súa gloria e imaxe do seu ser, El sostén todas as cousas coa súa poderosa palabra e, despois de realizar a purificación dos pecados, sentou á dereita do Pai nas alturas,
- 4facéndose tanto máis poderoso ca os anxos, canto que herdou un título máis valioso ca o deles.
TÍTULO MÁIS VALIOSO CA O DOS ANXOS
Fillo de Deus
- 5Porque a cal dos anxos lle dixo algunha vez: Ti es o meu fillo, hoxe xereite eu; ou tamén: Eu serei para El un pai e El será para min un Fillo?
- 6E outra vez máis, cando fala de introducir o Fillo primoxénito no mundo celeste, di: Adóreno todos os anxos de Deus.
- 7E, por outra parte, dos anxos di: O que fai dos seus anxos ventos, e dos seus ministros, chispas.
- 8Do Fillo, en troques, di:
- O teu trono, meu Deus, permanece para sempre
e tamén:
- Cetro de rectitude é o teu cetro de Rei.
- 9Amaches a xustiza e aborreciches a iniquidade;
- por iso Deus, o teu Deus, preferiute aos teus compañeiros,
unxíndote con perfumes de festa.
- 10E outra vez di así:
- Ti, Señor, nos comezos cimentaches a terra,
- feitura das túas mans é o ceo,
- 11todo iso perecerá, pero ti permaneces:
- todo se volverá vello coma un vestido,
- 12daraslle a volta, coma se fose unha capa,
- e cambiarase coma se fose un vestido.
- Pero Ti es sempre o mesmo,
os teus anos non acabarán.
- 13E, a cal dos anxos lle dixo algunha vez:
- Senta á miña dereita,
ata que Eu faga dos teus inimigos un estrado para os teus pés?
- 14Que outra cousa son todos eles, se non espíritos que están ao servizo del, para que os mande en axuda dos que han herdar a salvación?