CARTA AOS HEBREOS - Capítulo 11
Capítulo 11
PRIMEIRA SECCIÓN: A FE DOS DEVANCEIROS
Definición e primeiros exemplos
- 1A fe é un anticipo do que se espera, é unha proba convincente das cousas que non se ven.
- 2Pois por mor dela Deus testemuñou a favor dos nosos devanceiros.
- 3Pola fe sabemos que a palabra de Deus creou o mundo, e así o que se ve é resultado do que non se ve.
- 4Movido pola fe, Abel ofreceu a Deus un sacrificio mellor ca o de Caín, e por mor dela deuse fe da súa rectitude; foi Deus quen deu fe dela por mor dos seus dons; e por mor da fe, aínda que xa morto, aínda segue falando.
- 5Pola súa fe, a Henoc levárono desta vida, para non ter que sufrir a morte: Xa non se atopaba, porque o levara Deus. Xa antes de falar do seu traslado déixase testemuño de que Deus estaba moi contento con el.
- 6Pero sen fe é imposible que un lle agrade a Deus, pois quen quere achegarse a Deus precisa crer que El existe e que recompensa aos que o buscan.
- 7Movido pola fe, Noé, en recibindo de Deus ordes sobre cousas que aínda non se ollaban, respectuoso con Deus, construíu unha arca para salvar a súa familia; co seu exemplo de fe condenou a conduta do mundo e fíxose herdeiro da xustiza que dá a fe.
A fe de Abraham
- 8Deus chamou por Abraham, e este, movido pola fe, obedeceuno, saíndo para un lugar que había de recibir en posesión, aínda que saíu sen saber onde ía.
- 9Movido pola fe, emigrou á terra prometida, como se fose terra allea, habitando en tendas de campaña con Isaac e Xacob, herdeiros da mesma promesa.
- 10A verdade é que agardaba aquela cidade con bos cimentos, da que o arquitecto e construtor é Deus.
- 11Pola fe e por considerar merecente de fe ao que lle prometera descendencia, el, aínda que estaba fóra da idade axeitada, e aínda que a mesma Sara era estéril, recibiu poder para fundar descendencia.
- 12Deste xeito dun só e xa caduco para estas cousas, naceu un mundo de fillos, coma as estrelas do ceo e coma a area incontable da beira do mar.
- 13Coa fe morreron todos estes, sen chegaren a conseguir as promesas pero albiscáronas e saudáronas desde lonxe e confesaron que eles só eran estranxeiros e peregrinos nesta terra.
- 14Ao diciren estas cousas, daban a entender que degoiraban unha patria.
- 15Pois se lles acordaba aquela patria de onde saíran, estaban a tempo de volvérense.
- 16Pero máis ben suspiraban por outra patria mellor: a celestial. Por iso Deus non se avergonza de que o chamen o seu Deus, xa que lles preparou unha cidade.
- 17Pola fe Abraham, posto a proba, ofrendou a Isaac, o que recibira de Deus as promesas,
- 18cando se lle dixo: por Isaac terás descendencia: ofrendou o seu único fillo,
- 19pensando que Deus é poderoso, incluso para resucitar de entre os mortos. Por esa fe súa tamén o recobrou coma un misterioso símbolo.
- 20Pola fe, e tamén en orde ao futuro, Isaac bendiciu a Xacob e a Esaú.
- 21Pola fe Xacob, estando para morrer, bendiciu a cada un dos fillos de Xosé e prostrouse para adorar, arrimado ao puño do seu bastón.
- 22Pola fe, Xosé, estando para morrer, lembrouse do éxodo dos fillos de Israel e deu normas sobre os seus restos mortais.
A fe de Moisés
- 23Pola fe os pais de Moisés escondérono acabado de nacer durante tres meses, vendo que o neno era fermoso, e non lle tiveron medo ao decreto do rei.
- 24Pola fe Moisés, xa grande, renegou da filla do faraón que o porfillara
- 25e preferiu padecer malos tratos onda o pobo de Deus a poder gozar do pracer pasaxeiro do pecado;
- 26deste xeito considerou meirande riqueza as aldraxes de Cristo ca os tesouros de Exipto, xa que el ollaba a recompensa.
- 27Pola fe abandonou Exipto sen lle ter medo á cólera do rei, xa que se mantivo firme na súa decisión, coma home que vira o Invisible.
- 28Pola fe deixou instituída a Pascua e a aspersión co sangue, para que o Exterminador non lles tocase aos seus primoxénitos.
- 29Pola fe atravesou o mar Vermello coma quen pasa por terra enxoita; tentou os exipcios e o mar enguliunos.
- 30Pola fe viñéronse abaixo as murallas de Iericó, despois de lles daren voltas arredor por sete días.
- 31Pola fe Rahab, a prostituta, que acolleu amigablemente aos espías, non morreu xunto cos rebelados.
Vista de conxunto
- 32E que máis queredes que diga? Non me chegaría o tempo, se me puxese a falar de Guideón, de Barac, de Sansón, de Iefté, de David, de Samuel e dos profetas.
- 33Eles coa fe gañaron reinos, fixeron xustiza, conseguiron promesas, pecháronlles a boca a leóns,
- 34apagaron a furia do lume, escaparon ao fío da espada, repuxéronse de doenzas, foron valentes na guerra e fixeron recuar as filas dos exércitos estranxeiros;
- 35houbo mulleres que recobraron resucitados aos seus defuntos; outros, polo contrario, morreron a golpes, sen quereren aceptar o rescate, para conseguiren deste xeito unha resurrección de máis valer.
- 36Outros tiveron que sufrir aldraxantes azoutas e cadeas e cárcere.
- 37Morreron acantazados, serrados, a golpes de espada, tiveron que camiñar errantes, cubertos con peles de ovella e de cabra, pasando mil necesidades, tribulacións e malos tratos.
- 38O mundo non era merecente deles: por iso andaban a rumbo, perdidos por fóra dos lugares, polos montes, polas covas e tobos da terra.
- 39Mais todos estes, aínda que pola fe Deus testificou a favor deles, non conseguiron alcanzar a promesa,
- 40xa que foi mesmamente en vistas a nós como Deus preparou algo mellor; de xeito que eles non puidesen conseguir a perfección sen nós.