CARTA AOS HEBREOS - Capítulo 12
Capítulo 12
SEGUNDA SECCIÓN: A CONSTANCIA NECESARIA
Chamada á constancia
- 1Polo tanto, xa que nos vemos cercados arredor por unha tal nube de testemuñas, deixando enteiramente a un lado todo o que nos estorba e o pecado que tan facilmente se nos apega, corramos con aguante a carreira que temos por diante,
- 2co ollo posto en Xesús, o primeiro guía que leva á perfección a nosa fe.
Porque el, sen lles dar importancia ás aldraxes, soportou a cruz por mor da ledicia que o agardaba, e desde entón está sentado á dereita do trono de Deus.
- 3Meditade, polo tanto, naquel que veu soportando tal oposición contra si mesmo de parte dos pecadores para non esmorecerdes nin cansardes.
Motivos de ánimo
- 4Aínda non resististes ata o sangue na vosa loita contra o pecado
- 5e xa vos esqueceu aquela recomendación de Deus, que vos fala como se lles fala aos fillos:
- Meu fillo, non despreces o castigo do Señor
- nin esmorezas cando El che rife;
- 6porque o Señor, a quen lle quere ben, castígao,
e azouta a todo aquel que recoñece por fillo.
- 7Aguantade o sufrimento coma un castigo educativo: é Deus que vos trata coma fillos. Porque, quen é o fillo a quen seu pai non o castiga?
- 8Se quedades sen castigo, do que todos temos a nosa parte, será que sodes bastardos, non fillos.
- 9Aínda máis, nosos pais terreais eran os que nos castigaban e con todo respectabámolos. E logo non nos habemos de someter con moita máis razón ao Pai do espírito, para podermos vivir?
- 10Aqueles castigaban uns poucos días, conforme o que eles entendían: pero Deus castiga como cómpre, para que participemos da súa santidade.
- 11Ningún castigo resulta agradable de momento, senón triste; pero co tempo, aos que están exercitados nel págalles co froito pacífico da xustiza.
- 12Por iso, entesade as vosas mans sen forzas e os vosos xeonllos trementes
- 13e poñede os vosos pés en vieiros dereitos para que a perna coxa non escorde, senón que máis ben cure.
POLO VIEIRO DEREITO AOS FROITOS DA XUSTIZA
Cómpre estar atentos, pois vivimos na etapa final
- 14Procurade de todos os xeitos a paz entre todos vós e mais a vosa santificación, xa que sen ela ninguén poderá ver ao Señor.
- 15Tede moito coidado de que ningún quede sen o favor de Deus, de que ningunha raíz velenosa agromada dane e contaxie a comunidade.
- 16Que ninguén, polos seus pareceres, venda o máis sagrado, coma Esaú, que por un simple xantar vendeu os seus dereitos de primoxénito;
- 17vós sabedes que despois, por máis que quixo herdar a bendición, non se considerou que fose merecente dela e non a houbo para el, aínda que a pediu con bágoas e todo.
- 18Non estades diante dun monte que se poida apalpar nin dun lume ardente nin dunha nube negra e borrascosa nin dunha tormenta
- 19nin diante do bucinazo dunha trompeta nin do boureo dunhas palabras coma as que escoitaron aqueles que, ao sentilas, pediron que non lles falase máis;
- 20porque non podían co que se lles estaba mandando: Quen toque o monte, aínda que sexa un animal, morrerá acantazado.
- 21Tan sublime era a aparición que o mesmo Moisés dixo: Estou abraiado e tremendo.
- 22Vós, en cambio, estades diante do monte Sión, da cidade do Deus vivo, da Xerusalén celeste; diante de milleiros de anxos, da asemblea
- 23en festa, dos primoxénitos censados no ceo, e diante de Deus, xuíz de todos, e das ánimas dos xustos que xa chegaron á súa perfección,
- 24e diante de Xesús, mediador da Nova Alianza, e diante do sangue da aspersión, que clama máis forte ca o de Abel.
- 25Tede coidado de non rexeitar a quen vos está falando, que se aqueles non deron fuxido do castigo por rexeitaren a quen os instruía aquí na terra, moito menos poderemos nós fuxir do castigo, se lle volvemos as costas a quen nos instrúe desde o ceo!
- 26A súa voz entón fixo tremer a terra, pero agora quen pode falar prometeu: a derradeira vez farei tremer non só a terra, senón tamén o ceo.
- 27A expresión “a derradeira vez” quere dicir a abolición do que, por ser cousa creada, é provisional de xeito que quede o que é definitivo.
- 28Por iso, xa que recibimos un reino definitivo, esteámoslle agradecidos a Deus, servíndoo como lle agrada a El con reverencia e respecto,
- 29xa que o noso Deus é lume devorador.