CARTA AOS HEBREOS - Capítulo 13
Capítulo 13
Actitudes cristiás
- 1Que o amor e trato de bos irmáns se conserve entre vós.
- 2Que non vos esqueza darlles pousada aos forasteiros, xa que, grazas a isto, algúns, sen se decataren, déronlles pousada aos mesmos anxos.
- 3Mirade polos que están presos, coma se vós mesmos estivésedes presos con eles; e mirade polos que padecen malos tratos, coma se vós mesmos vivísedes no corpo deles.
- 4O matrimonio é merecente de todos os respectos, e o leito matrimonial ten que ser inmaculado, xa que Deus ha condenar os desvergonzados e adúlteros.
- 5Que o voso comportamento sexa desinteresado: contentádevos co que tedes, que El ten dito: Non te deixarei nin te desampararei,
- 6de xeito que, cheos de confianza, podemos dicir:
- Teño no Señor o meu abeiro:
- por iso non teño medo:
- total, que me vai poder facer un home?
Verdadeira vida cristiá
- 7Mirade polos vosos dirixentes, que vos anunciaron a Palabra de Deus: imitade a súa fe; que non vos esqueza de que xeito morreron.
- 8Xesús Cristo é o mesmo onte e hoxe e será o mesmo sempre.
- 9Por iso, non vos deixedes levar de complicadas e alleas doutrinas, que sempre é preferible que se fortalezan as vosas conviccións coa graza e non con normas sobre comidas, das que non sacaron proveito ningún os que as cumpriron.
- 10Nós temos un altar do que non teñen dereito a comer os que dan culto no templo.
- 11Porque o mesmo que se queiman fóra do campamento os cadáveres dos animais dos que os sacerdotes levan o sangue dentro do Santuario para faceren a expiación polos pecados,
- 12do mesmo xeito tamén Xesús morreu fóra das portas para consagrar o pobo co seu sangue.
- 13Saiamos, logo, para fóra do campamento para nos atoparmos con el, levando nós a súa aldraxe.
- 14Como non temos aquí cidade que dure, andamos á procura da futura.
- 15Por medio de Xesús ofrezamos decote a Deus un sacrificio de loanza, quere dicir, a homenaxe dos beizos que bendín o nome de Deus.
- 16E que non vos esqueza mirar uns polo ben dos outros, que eses son os sacrificios que lle agradan a Deus.
- 17Facédelles caso e sometédevos aos vosos dirixentes, que eles se desvelan pensando en vós. Xa que teñen que dar contas de vós, que as dean con alegría e non xemendo, que estes xemidos non vos farían ben ningún.
- 18Rezade por nós. Estamos convencidos de que temos a conciencia limpa, posto que queremos portarnos decentemente en todo.
- 19Pero insisto en que o fagades para que eu volva estar convosco canto antes.
Conclusión epistolar
- 20Que o Deus da paz, que por mor do sangue dunha alianza eterna sacou de entre os mortos ao gran Pastor do rabaño, o noso Señor Xesús,
- 21vos encha de todo ben, para que cumprades a súa vontade. Así El realizará en vós o que lle agrada, por medio de Xesús Cristo, a quen sexa a gloria polos séculos. Amén.
- 22Pídovos, irmáns, que aguantedes este sermón de conforto, xa que volo mando resumido.
- 23Sabede que saíu do cárcere Timoteo, o voso irmán; se chega logo, ireivos ver con el.
- 24Dádelles saúdos a todos os vosos guieiros e a todo o pobo santo. Os de Italia mándanvos saúdos.
- 25Que a graza vos acompañe a todos vós.