CARTA AOS HEBREOS - Capítulo 2
Capítulo 2
Palabras de ánimo
- 1Por isto temos que poñer toda a atención ao que un día oímos, non sexa que andemos á deriva.
- 2Pois se a Lei ditada por anxos foi valedoira, de xeito que toda transgresión e desobediencia a ela recibiu xusto castigo,
- 3de que xeito nós fuxiremos do castigo, se descoidamos salvación de tanta valía? Porque esta salvación tivo principio na predicación do Señor e confirmáronnola despois os que a escoitaron,
- 4ao mesmo tempo que Deus acompañaba o seu testemuño con prodixiosos sinais e con milagres de varios xeitos e cos dons do Espírito Santo repartidos conforme a súa vontade.
Irmán dos homes
- 5Porque non someteu aos anxos ese futuro mundo celeste do que falamos.
- 6Nalgunha parte o testemuña alguén, cando di:
- Quen é o home para que te lembres del,
- ou a raza humana para que mires por ela?
- 7Só o rebaixaches un chisco con respecto aos anxos,
- coroáchelo de gloria e dignidade:
- 8todo llo sometiches a el.
- Ao dicir que lle someteu todo, non puido deixar nada sen lle someter. Certo que agora aínda non vemos que todo estea sometido ao home;
- 9con todo, xa vemos que aquel que rebaixaron só un chisco con respecto aos anxos, Xesús, por aguantar os padecementos da súa morte, está coroado de gloria e dignidade. Deste xeito, a súa morte foi unha bendición de Deus para todo home.
- 10Efectivamente, conviña que aquel para quen e por quen todo existe, se quería levar moitos fillos á gloria, levase á máxima perfección por medio do sufrimento ao que ía ir á cabeza dos que se salvarían;
- 11pois o consagrante e os consagrados teñen que ser todos da mesma liñaxe. Por isto non se avergonza de lles chamar irmáns,
- 12cando di:
- Pregoarei ante os meus irmáns o ben que fixeches,
no medio da nosa asemblea heiche de cantar cántigas.
- 13E noutro sitio di:
Nel poñerei toda a miña confianza,
e aínda máis:
Aquí estamos: eu e mais os fillos que Deus me deu.
- 14Por isto, xa que os fillos participan todos da mesma carne e do mesmo sangue, tamén El participou igualmente da carne e do sangue, para que coa súa morte puidese deixar sen forzas o que retiña o poder da morte, isto é, Satán;
- 15e deste xeito, librar a cantos por medo á morte pasaban a vida nunha escravitude.
- 16Porque está claro que a quen lles vén botar unha man, non é aos anxos, senón aos fillos de Abraham.
- 17Por iso tiña que asemellarse aos seus irmáns en todo, para deste xeito poder ser Sumo Sacerdote, que se doia de nós e de quen un se poida fiar nas cousas que se refiren a Deus e así poida expiar os pecados do seu pobo;
- 18porque el xa pasou a proba de sufrimento, pode axudar aos que agora se atopan na proba.