CARTA AOS HEBREOS - Capítulo 3
Capítulo 3
SUMO SACERDOTE QUE SE DOIA DUN E DE QUEN UN SE POIDA FIAR
Fiarse de Moisés e fiarse de Xesús
- 1Por iso, meus sagrados irmáns, que tedes parte na mesma chamada celeste, atendede ao pregoeiro e Sumo Sacerdote da fe e da esperanza que profesamos, Xesús.
- 2El merécelle fe ao que o puxo, coma a Moisés, á fronte de toda a súa familia.
- 3Porque Xesús ten ben merecida unha gloria tanto máis grande ca a de Moisés, canto ten máis honor o que constrúe unha casa do que a casa mesma:
- 4porque toda casa ten un construtor, pero o que constrúe todo é Deus.
- 5Abofé, Moisés mereceu confianza como criado, para poder testemuñar a toda a casa o que lle foran dicindo;
- 6mais Cristo mereceu a confianza como Fillo e sobre a súa propia casa: casa del somos nós, se nos mantemos achegados a Deus na liberdade e se nos prezamos do que esperamos.
Chamada á fidelidade para entrar no acougo de Deus
- 7Por isto, fala o Espírito Santo:
- Se hoxe oídes a súa voz,
- 8non endurezades o voso corazón, coma cando vos rebelastes,
- coma o día da proba no deserto,
- 9cando vosos pais me tentaron, para veren onde chegaba,
aínda que xa viran os meus feitos
- 10durante corenta anos:
por isto me deu carraxe
- aquela xente,
- e dixen: o corazón ándalles sempre descarreirado,
- non se deron conta do meu comportamento;
- 11por iso xurei cheo de indignación:
- endexamais non entrarán no meu acougo!
- 12Ollade, irmáns, non sexa que algún de vós teña un ruín e incrédulo corazón, que o aparte do Deus vivo;
- 13vós, en troques, alentádevos uns aos outros día tras día, mentres se pregoa este hoxe, de xeito que ningún de vós se deixe endurecer, engaiolado polo pecado.
- 14Porque seguimos sendo compañeiros de Cristo, sempre que manteñamos firme ata a fin a confianza absoluta de cando comezamos.
- 15Xa que se nos di:
- Se hoxe oídes a súa voz,
non endurezades o voso corazón, coma cando vos rebelastes.
- 16Mais quen foron os que se rebelaron, cando oíron? Acaso non foron todos os que, grazas a Moisés, saíron de Exipto?
- 17Quen foron os que anoxaron a Deus durante corenta anos? Acaso non foron os que por pecar caeron mortos no deserto?
- 18E a quen lles xurou que non entrarían no seu acougo, senón aos que se rebelaran?
- 19E vemos que non puideron entrar por falta de fe.