CARTA AOS HEBREOS - Capítulo 4
Capítulo 4
- 1Andemos logo, con moito tino, non sexa que, aínda que Deus mantén firme a promesa de entrar no seu acougo, algún de vós corra o risco de chegar tarde.
- 2Porque esta promesa anúnciasenos a nós do mesmo xeito ca a eles, pero a eles non lles valeu de nada oír a promesa, que non se xuntaron cos que a oíron con fe.
- 3Pero nós, os que cremos, entramos no acougo do que falan estas palabras:
- Por iso xurei, cheo de carraxe:
- endexamais non entrarán no meu acougo!
Abofé, o seu traballo está concluído desde a creación do mundo, - 4pois, nalgún sitio fálase así do sétimo día: E o sétimo día descansou Deus de todo o seu traballo.
- 5E, con todo, no lugar citado vólvese dicir: Endexamais non entrarán no meu acougo.
- 6De acordo con isto, se Deus deixa a algúns entrar no seu acougo e se os que primeiro recibiron a promesa non entraron por falta de fe,
- 7é que El, moito tempo despois, volve marcar un día, un hoxe, cando di no texto xa citado de David: Se hoxe oídes a súa voz, non endurezades o corazón.
- 8Certo que, se Xosué os fixese entrar no acougo, xa non precisaría Deus falar doutro acougo despois disto.
- 9Logo, quédalle aínda unha invitación ao acougo ao pobo de Deus,
- 10porque quen entrou no acougo de Deus descansa dos seus traballos, o mesmo que Deus descansou tamén dos seus.
- 11Collamos a peito o entrar neste acougo, de xeito que ninguén caia nunha rebeldía coma aquela.
- 12Collámolo a peito, xa que a palabra de Deus é viva e dinámica, máis cortante do que unha espada de dobre fío e que penetra mesmo alí onde se diferencian a alma e o espírito, as xuntas e a medula. Ela xulga os proxectos e os pensamentos.
- 13Non hai cousa que se lle esconda, todo está nu e penetrable aos seus ollos: é a ela a quen lle habemos dar contas.
- 14Pois logo, xa que temos un gran Sumo Sacerdote que xa penetrou no ceo, Xesús, o Fillo de Deus, manteñamos a esperanza que profesamos.
Xesús, Sumo Sacerdote misericordioso
- 15Porque así é: nós non temos un Sumo Sacerdote que non se poida compadecer das nosas debilidades, senón un Sumo Sacerdote probado en todo coma nós, fóra do pecado.
- 16Acheguémonos, con liberdade ao trono da graza, para conseguirmos misericordia e atoparmos graza para unha axuda no seu debido tempo.