CARTA AOS HEBREOS - Capítulo 5
Capítulo 5
- 1Todo Sumo Sacerdote se escolle sempre entre os homes e constitúese Sumo Sacerdote para o ben dos homes nas súas relacións con Deus, a fin de que ofreza oblacións e sacrificios polos pecados.
- 2É capaz de tratar con indulxencia aos ignorantes e aos descamiñados, porque tamén el está rodeado de fraquezas.
- 3Por mor destas fraquezas ten que ofrecer sacrificios polos pecados, tanto polos pecados do pobo coma polos seus propios pecados.
- 4Por certo, ninguén pode coller de seu este honor, senón que hai que ser chamado por Deus, como foi chamado Aharón.
- 5Do mesmo xeito, tampouco Cristo non procurou a súa gloria facéndose Sumo Sacerdote, senón que lla procurou o que lle dixo:
- Ti es o meu Fillo,
hoxe xereite Eu.
- 6Entendido conforme o que di noutro sitio:
- Ti es sacerdote para sempre,
á maneira de Melquisedec.
- 7El, nos días da súa vida mortal, a fortes gritos e con bágoas, presentou oracións e súplicas a quen o podía salvar da morte, e Deus escoitouno por mor da súa submisión.
- 8Aínda que era Fillo, aprendeu sufrindo o que é obedecer;
- 9e, consumada deste xeito a súa consagración sacerdotal, converteuse en causa de salvación eterna, para todos os que o obedecen,
- 10ao mesmo tempo que Deus o proclamou Sacerdote á maneira de Melquisedec.
SUMO SACERDOTE DUN NOVO CULTO
Preámbulo: exhortación
- 11Disto aínda temos que dicirvos moito e é difícil facérvolo comprender, porque vos volvestes nugalláns para escoitardes.
- 12E iso que polo tempo que levades, xa tiñades que ser mestres, pero aínda necesitades que alguén vos ensine os primeiros rudimentos dos oráculos de Deus; volvedes precisar leite e non mantenza sólida.
- 13Pois todo aquel que “está a leite”, descoñece as razóns da esperanza cristiá, porque é un meniño;
- 14en troques, a mantenza sólida é para adultos, que ten o sentido xa afeito polo costume e é capaz de distinguir o bo do malo.