CARTA AOS HEBREOS - Capítulo 6
Capítulo 6
- 1Por iso, deixando as primeiras nocións acerca de Cristo, pasemos xa aos conceptos que son propios dos adultos, sen volvermos botar os alicerces doutrinais: o arrepentimento das obras mortas, a fe en Deus,
- 2o ensino acerca dos baños sacros e mais da imposición de mans, a resurrección dos mortos e o xuízo final.
- 3Isto xustamente faremos, se Deus o permite.
- 4Porque os que unha vez foron iluminados, os que lle colleron gusto ao don celestial e tiveron parte no Espírito Santo que se lles deu;
- 5os que probaron o saborosa que é a palabra de Deus e mais os poderes do mundo que ha vir;
- 6estes, se apostatan, é imposible que se renoven co arrepentimento, xa que polo que a eles toca, seguen crucificando o Fillo de Deus e escarnecéndoo publicamente.
- 7Pásalles o mesmo que a unha terra que se enchoupa con chuvias frecuentes e que lles dá boa herba aos que a traballan: recibe parte da bendición que Deus manda;
- 8mais, se non bota máis ca espiños e cardos, entón non serve: está a piques de ser maldita e acabará na queima.
- 9Mais, aínda que falamos así, meus amigos, polo que a vós toca, estamos convencidos do mellor e do que leva á salvación;
- 10pois Deus non é inxusto como para que lle esqueza o voso traballo e o amor que lle mostrabades cando serviades (e seguides aínda servindo) ao seu pobo santo por mor del.
- 11Pero, con todo, nós queremos que cada un de vós demostre o mesmo ardor en levar a súa esperanza ata a fartura final,
- 12de xeito que non sexades nugalláns, senón que imitedes aos que, con fe e paciencia, son herdeiros das promesas.
Promesa e xuramento de Deus
- 13Porque cando Deus fixo a promesa a Abraham, en vistas de que non tiña outro máis grande por quen xurar,
- 14xurou por si dicindo: Abofé, heite bendicir con abundancia e heite aumentar sen taxa.
- 15E deste xeito Abraham, agardando con paciencia, conseguiu a promesa.
- 16Os homes xuran sempre por quen é superior a eles; e o xuramento, por ser unha garantía, marca a fin de calquera litixio.
- 17Por iso, xa que Deus lles quería demostrar ben ás claras aos herdeiros da promesa o inmutable que era a súa decisión, comprometeuse con xuramento.
- 18Deste xeito, por dous feitos inmutables de Deus, nos que é imposible que minta, temos unha forte consolación os que buscamos agarimo en podermos apreixar os bens prometidos que esperamos.
- 19Estes bens son para nós coma unha áncora de salvación, segura e firme, que penetra ata o outro lado do veo:
- 20ata onde, para o noso ben, penetrou Xesús, como adiantado, unha vez constituído Sumo Sacerdote para sempre á maneira de Melquisedec.