CARTA AOS HEBREOS - Capítulo 7
Capítulo 7
Sumo Sacerdote á maneira de Melquisedec
- 1Este Melquisedec, rei de Salén, sacerdote do Deus Supremo saíu ao encontro de Abraham, cando volvía de derrotar aos reis, e bendiciuno.
- 2Abraham repartiu con el a décima parte de todo. En primeiro lugar, o seu nome quere dicir: “Rei de xustiza”; logo, o título Rei de Salén quere dicir “Rei de paz”.
- 3O feito de se nos presentar sen o nome do pai, nin o da nai, sen xenealoxía, sen a data do comezo dos seus días nin a da fin da súa vida, faino semellante ao Fillo de Deus e dá a entender que permanece sacerdote para sempre.
- 4Ollade que grande tivo que ser este a quen o patriarca Abraham lle deu unha décima parte do mellor do seu saqueo.
- 5Mentres aos fillos de Leví, que reciben servizo de sacerdotes, a Lei lles manda que lle cobren unha décima parte ao pobo escollido (isto é, a seus irmáns, aínda que son coma eles fillos de Abraham),
- 6Melquisedec, que non ten unha ascendencia sacerdotal, recibe de Abraham a décima parte e bendí a aquel a quen Deus lle fixo as promesas.
- 7Sen dúbida, está fóra de toda discusión que todo aquel que bendí é máis ca o que é bendito.
- 8No caso dos fillos de Leví, os que reciben a décima parte son homes que morren; pero no caso de Melquisedec recíbea un de quen se testemuña que vive.
- 9Por así dicir, o mesmo Leví, que recibe a décima parte, veuna pagar na persoa de Abraham
- 10pois xa estaba presente en seu pai, cando lle foi ao encontro Melquisedec.
Os dous sacerdocios
- 11Certo que, se a perfección da salvación viñese polo sacerdocio levítico, xa que en relación con el recibiu o pobo a Lei, que necesidade habería aínda de que xurdise outro sacerdote na liña de Melquisedec e de que non se chamase da liña de Aharón?
- 12Porque, ao cambiar o sacerdocio, hai que cambiar necesariamente a Lei.
- 13Mais este de quen fala o salmo é doutra tribo, na que ninguén estivera ao servizo do altar.
- 14Porque é máis que coñecido que o noso Señor vén da tribo de Xudá, tribo da que nada dixo Moisés tocante ao sacerdocio.
- 15Pero aínda é máis claro se xorde outro sacerdote á semellanza de Melquisedec,
- 16quen non resulta sacerdote por unha Lei que preceptúa acerca da liñaxe, senón por unha forza que vivifica para sempre,
- 17pois así o testifica Deus: Ti es sacerdote para sempre, na liña de Melquisedec.
- 18Por un lado, Deus abroga un precepto pasado, porque xa non ten forza obrigante nin utilidade,
- 19isto vese no feito de que a Lei non levou nada á perfección; e, polo outro, introduce unha esperanza máis poderosa, xa que por medio dela podemos achegarnos a Deus.
- 20Ademais, Xesús, polo feito de o constituíren sacerdote cun xuramento (porque aos sacerdotes xudeus constituíronos sen xuramento,
- 21mentres que a El constituíuno cun xuramento dicíndolle: Xurouno o Señor, e non cambiará de pensar: Ti es sacerdote para sempre),
- 22por ese feito resultou ser fiador dunha alianza de moita máis valía.
- 23Aqueles foron moitísimos sacerdotes, porque a morte non os deixaba ser duradeiros;
- 24pero este ten un sacerdocio imperecedoiro, xa que dura para sempre.
- 25Por iso pode levar á plenitude da salvación para sempre aos que por El se achegan a Deus, xa que en todo momento vive para interceder por eles.
- 26Pois era xustamente deste xeito o sacerdote que nós precisabamos: santo, sen ruindade e sen pecado, separado dos pecadores e levantado a unha gloria máis alta ca o mesmo ceo.
- 27Non necesita ofrecer sacrificios cada día, en primeiro lugar polos seus pecados e logo polos do pobo, coma os outros Sumos Sacerdotes, pois isto fíxoo dunha vez para sempre, ofrecéndose a si mesmo.
- 28En síntese, a Lei constitúe Sumos Sacerdotes a homes débiles, mentres que o xuramento que vén despois da Lei constitúe Sumo Sacerdote ao Fillo que logrou a salvación plena para sempre.