CARTA AOS HEBREOS - Capítulo 8
Capítulo 8
Sumo Sacerdote perfecto, consumado, consagrado
- 1Isto é o máis importante de todo o que imos dicindo: que temos un Sumo Sacerdote de tal categoría que tomou posesión do seu trono no ceo á dereita do trono da Maxestade,
- 2ao mesmo tempo que oficiou como sacerdote no santuario e na tenda verdadeira, que erixiu o Señor, non un home.
- 3Xa que todo Sumo Sacerdote se constitúe para ofrecer dons e sacrificios: por iso cumpría que el tivese algo que poder ofrecer.
- 4Pois se a súa ofrenda fose terreal, nin sequera el sería sacerdote, habendo como hai os que lexitimamente ofrendan dons.
- 5Aínda que estes dan culto a un asomo, a unha sombra das realidades celestes, conforme ao que se lle revelou a Moisés cando estaba para construír a tenda-santuario: Olla que has de facer todo, segundo o exemplo que se che mostrou no monte.
- 6Pero, de feito, ao noso Sumo Sacerdote tocoulle unha liturxia tanto máis importante canto máis poderosa é a alianza da que é mediador, xa que esta alianza está legalmente establecida, apoiada en promesas de máis valía.
Defectos da Antiga Alianza e substitución pola Nova
- 7Pois, se aquela primeira alianza fose sen falla, xa non habería lugar para unha segunda.
- 8Porque Deus, reprendéndoos, dilles:
Vede que virán días di o Señor
- nos que establecerei coa casa de Israel
- e coa casa de Xudá unha alianza nova;
- 9non coma a alianza que fixen con seus pais,
- cando os collín pola man,
- para sacalos de Exipto:
- porque eles non permaneceron fieis á miña alianza,
- e tamén eu me desentendín deles, di o Señor.
- 10Pois esta é a alianza que pactarei coa casa de Israel,
- cando cheguen aqueles días __di o Señor__: cando dea as miñas leis,
- héillelas escribir nos seus corazóns e nas súas mentes.
- Eu serei para eles o seu Deus e eles serán para min o meu pobo.
- 11Xa ninguén terá que ensinar ao seu veciño
- nin cadaquén ao seu irmán, dicíndolle: ‘Recoñece ao Señor’;
- porque me han coñecer todos eles,
- desde o máis pequeno ao máis grande,
- 12xa que estarei disposto a perdoarlles as súas maldades,
- e xa non me lembrarei máis dos seus pecados.
- 13Ao chamarlle Deus nova a esta alianza, deixou anticuada a primeira; abofé, o anticuado e avellado está próximo a desaparecer.