CARTA AOS HEBREOS - Capítulo 9
Capítulo 9
Falta de eficacia do culto antigo
- 1Pois tamén a primeira alianza tiña as súas normas para o culto e para o seu santuario, que soamente era terreal.
- 2De feito, construíuse unha tenda-santuario, a primeira, onde estaban o candeeiro, a mesa e mais os pans ofrendados; chámase o Santo.
- 3Despois da segunda cortina está a tenda chamada Santísimo,
- 4co altar de ouro para o incenso e a Arca da Alianza cuberta de ouro por todos os lados; nela había unha caixa de ouro co maná, a vara reverdecida de Aharón e mais as táboas da alianza.
- 5Enriba da Arca, os querubíns da Gloria, que cubrían coa súa sombra o lugar da expiación. Pero non hai agora por que seguir falando destas cousas con detalle.
- 6Estando todo isto construído deste xeito, na primeira tenda entran a miúdo os sacerdotes, para celebraren o culto.
- 7Mais na segunda, soamente o Sumo Sacerdote, unha vez cada ano, el só, levando sangue, para ofrecelo por si mesmo e polos pecados de descoido do pobo.
- 8Con iso quere mostrar o Espírito Santo que, mentres a primeira tenda estea en pé, aínda non está aberto o camiño para o santuario.
- 9Todo isto é un símbolo que se ten que aplicar ao momento actual, pois ofrécense dons e sacrificios, que non son capaces de facer perfecto na súa conciencia a quen practica este culto;
- 10soamente teñen poder de purificar en relación con certas comidas, bebidas e diferentes lavatorios: todas elas normas exteriores impostas ata o momento da reforma.
O sacrificio de Cristo, eficaz e definitivo
- 11Mais ao presentarse Cristo como Sumo Sacerdote dos auténticos bens, entrando a través dunha tenda-santuario maior e máis perfecta, non de feitío humano, isto é, non deste mundo,
- 12e ofrendando o seu propio sangue, non o sangue de carneiros ou de becerros, entrou dunha vez para sempre no santuario e, deste xeito, conseguiu unha redención definitiva.
- 13Se o sangue de carneiros e de touros e a cinsa dunha xovenca asperxida polos impuros consagra estes, dándolles unha pureza corporal,
- 14moito máis o sangue de Cristo (que movido polo Espírito que animou toda a súa vida, se ofreceu a si mesmo a Deus, como vítima sen mancha) limpará a nosa conciencia das obras de morte, para así servimos ao Deus vivo.
A Nova Alianza
- 15Por iso é mediador dunha Nova Alianza, xa que morreu para redimir dos pecados cometidos baixo a primeira alianza, a fin de que os que están chamados á herdanza eterna, poidan recibir o cumprimento desta promesa.
- 16Porque onde hai un testamento é preciso presentar probas da morte do testador;
- 17xa que o testamento é firme soamente en caso de morte, porque mentres viva o testador o testamento non é firme.
- 18Por iso nin sequera a primeira alianza se ten renovado sen sangue,
- 19pois Moisés, logo que lle leu a todo o pobo os preceptos que se conteñen na Lei, colleu o sangue dos becerros xunto con auga, con la rubia e mais con hisopo e asperxeu no libro e na xente toda,
- 20dicindo: Este é o sangue da alianza que Deus pactou convosco.
- 21Tamén asperxeu con sangue, de forma semellante, na tenda-santuario e mais en todos os utensilios do culto.
- 22Conforme á Lei case todo se purifica con sangue, e sen verter sangue non hai perdón.
- 23Porque se foi preciso que os anticipos das realidades celestiais se purificasen con estes ritos, as realidades celestiais mesmas hanse purificar con sacrificios ben máis poderosos ca estes.
A entrada no ceo
- 24Pois o Mesías non entrou nun santuario de feitío humano, copia do verdadeiro, senón que entrou no ceo, para poder presentarse agora diante do mesmo Deus a favor noso;
- 25e non para repetir moitas veces o seu propio sacrificio, como fai o Sumo Sacerdote, que entra cada ano no santuario levando sangue alleo,
- 26porque, se así for, debería ter sufrido moitas veces desde a creación do mundo; pero a verdade é que agora, dunha vez para sempre, no derradeiro dos períodos da historia, co sacrificio de si mesmo, quedou a disposición de todos para acabar co pecado.
- 27O mesmo que o destino de todo home é morrer só unha vez e, despois xa da morte, vén o xuízo,
- 28así tamén Cristo, unha vez que se ofrendou para quitar os pecados, volverá a aparecerlles por segunda vez, xa sen ter que ver co pecado, para salvar aos que o están agardando con ansia.