CARTA DE SANTIAGO - Capítulo 1
Capítulo 1
Saúdo
- 1Santiago, o servidor de Deus e do Señor Xesús Cristo, saúda ás doce tribos que están na emigración.
As tentacións
- 2Cando vos vexades envoltos en diferentes tentacións, meus irmáns, tédevos por moi ditosos,
- 3porque xa sabedes que aquilo que somete a proba a vosa fe xera paciencia.
- 4Pero cómpre que a paciencia vaia acompañada de boas obras, de xeito que sexades perfectos e completos sen fallardes en cousa ningunha.
- 5Se algún de vós está necesitado de sabedoría, que lla pida a Deus, que llela dá a todos abondo e sen roñar;
- 6e a ese tal tamén lla ha dar. Pero cómpre que pida con fe e sen dubidar para nada, que quen dubida é coma as ondas do mar, que o vento abala e leva de aquí para acolá.
- 7Un home así non pense recibir cousa ningunha do Señor:
- 8é un indeciso e un inconstante en todos os seus camiños.
- 9Que o irmán de condición humilde se glorie da súa gran dignidade;
- 10e o rico, da súa humillación, porque pasará coma a flor da herba:
- 11soérguese o sol coa súa fogaxe e queima a herba, cáelle a flor e pérdese a súa fermosa aparencia; pois así mesmiño murchará o rico nas súas empresas.
- 12Benia ao home que resiste na tentación, porque, como a supere, recibirá o premio da vida, que Deus prometeu aos que o aman.
- 13Que ninguén diga ao se ver tentado: “Deus é quen me tenta”, porque nin o mal tenta a Deus nin Deus tenta a ninguén.
- 14A cadaquén téntao a súa cobiza cando o arrastra e engaiola:
- 15despois a cobiza concibe e pare o pecado; e o pecado, en consumándose, xera morte.
- 16Non vos trabuquedes, irmáns queridiños.
- 17Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai dos luceiros, en quen nin hai cambios nin tempos de sombras.
- 18Pola súa vontade tróuxonos á vida coa palabra da verdade, para que fósemos como as primicias das súas criaturas.
Escoitar a palabra e cumprila
- 19Xa o sabedes, meus irmáns benqueridos: que todo home sexa espelido para escoitar, calmo para falar e calmo tamén para o anoxo,
- 20porque o anoxo do home non leva á conduta que Deus pide.
- 21Polo tanto, rexeitando calquera lixo ou resto de ruindade, acollede docilmente a Palabra enxertada en vós, que pode salvar as vosas vidas.
- 22Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala xustificándovos con razóns enganosas.
- 23Porque quen escoita a Palabra e non a pon en práctica é coma o home que se puxo a ollar a súa propia cara nun espello:
- 24mirouse ben nel, pero, ao que deu media volta, esqueceulle como era.
- 25En cambio, quen afonda no coñecemento da lei perfecta, a que dá a liberdade, e se mantén nela, non para a escoitar e a esquecer deseguida, senón para a poñer por obra, ese será feliz na súa actuación.
- 26Se alguén se tiver por home relixioso sendo un badueiro que engana ao seu propio corazón, a súa relixiosidade sería baleira.
- 27A relixión limpa e sen lixo ningún aos ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo.