CARTA DE SANTIAGO - Capítulo 2
Capítulo 2
Distingos nas comunidades
- 1Meus irmáns, a fe que temos no noso Señor Xesús Cristo, o glorioso, non cadra ben con certos distingos entre persoas.
- 2Entra na vosa asemblea, é un supoñer, un home cun anel de ouro, vestido con moita galanura, e entra tamén un pobre vestido con farrapos;
- 3se vos fixades no que vai ben vestido, e lle dicides: “Ti acomódate ben aquí”; e ao pobre: “Ti queda de pé aí”, ou “Senta no chan aos meus pés”,
- 4non estades facendo distincións entre vós mesmos, converténdovos en xuíces de criterios inicuos?
- 5Escoitádeme ben, meus irmáns queridiños: seica non escolleu Deus os pobres deste mundo para seren ricos na fe e herdeiros do Reino que Deus prometeu aos que o aman?
- 6Vós, en troques, abafastes o pobre. Seica non son os ricos os que vos asoballan e os que vos levan a xuízo?
- 7Non son eles tamén os que aldraxan o fermoso nome que se invocou sobre vós?
- 8Facedes moi ben se, con todo, cumprides á perfección a Lei rexia da Escritura que di: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo.
- 9Pero se andades con favoritismos, pecades e a lei havos acusar de transgresores.
- 10Porque quen garda toda a Lei, aínda que só quebrante un mandado, ten que responder de todos,
- 11pois o que dixo: non fagas adulterio, tamén dixo: non mates.
E, se non adulteras pero matas, xa non cumpres coa Lei.
- 12Falade e facede as cousas como acae a quen a lei da liberdade vai xulgar,
- 13pois terá un xuízo sen misericordia o que non foi misericordioso; a misericordia está por riba do xuízo.
A fe móstrase nos feitos
- 14Irmáns benqueridos, que proveito lle trae a un dicir que ten fe, se non ten feitos? Acaso o poderá salvar esa fe?
- 15Se un irmán ou unha irmá andan espidos e necesitados do pan de cada día,
- 16e vai un de vós e dilles: “Ídevos en paz, quentádevos e fartádevos”, pero non lles dá aquilo que lle cómpre ao seu corpo, que proveito levan?
- 17Pois o mesmiño pasa coa fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne.
- 18Pode dicir alguén: “Ti tes a fe, eu teño os feitos”. Móstrame a túa fe sen feitos, que eu polos feitos heiche mostrar a miña fe.
- 19Ti cres que só hai un Deus? Fas ben, pero iso tamén o cren os demos e mais tremen.
- 20Queres entender dunha vez, parvo, que a fe sen feitos está morta?
- 21Os feitos xustificaron ao noso pai Abraham, cando ofreceu o seu fillo Isaac enriba do altar, non si?
- 22Fíxaste como a fe colabora cos seus feitos e como polos feitos a fe chegou á súa madurez?
- 23Así se cumpriu a Escritura que di: Abraham tivo fe en Deus e iso valeulle de xustificación, de xeito que mesmo se lle chamou amigo de Deus.
- 24Xa vos decatades de como son os feitos os que xustifican o home e non só a fe.
- 25O mesmo podemos dicir da prostituta Rahab: seica non a xustificaron os feitos, cando recibiu os mensaxeiros e os encamiñou logo por outros carreiros?
- 26O mesmo que un corpo sen alento está morto, así tamén a fe sen feitos morta está.