CARTA DE SANTIAGO - Capítulo 3
Capítulo 3
A verdadeira sabedoría
- 1Meus irmáns, que non haxa moitos de vós a se poñeren de mestres; xa sabedes que aos mestres os han xulgar con maior severidade,
- 2porque todos pecamos moitas veces. Se hai alguén que non falte no falar, ese é un home perfecto, que pode refrear o seu corpo enteiro.
- 3Ollade: aos cabalos poñémoslles un freo na boca para que nos obedezan e así controlamos o seu corpo.
- 4E o mesmo os barcos: con seren tan grandes e iren empurrados por ventos tan fortes, gobérnanse cun temón pequeno cara a onde o temoeiro os quere levar.
- 5Pois outro tanto pasa coa lingua: ser é un membro ben pequerrecho, pero pode gabarse de grandes cousas. Aí o tedes: cunha fogueiriña cantas fragas poden arder!
- 6E a lingua é un lume, un mundo de ruindade. A lingua é unha parte dos nosos membros que contamina o corpo enteiro e, por estar inflamada polo inferno, fai arder ela tamén, pola súa banda, toda a nosa vida desde os comezos.
- 7Calquera caste de bestas ou paxaros ou cóbregas ou peixes pode domeala o home e, de feito, doméaa;
- 8a lingua, en troques, ninguén a dá domeado: é un mal sen acougo, cheo de solimán de morte.
- 9Con ela bendicimos a Deus, o noso Pai; e con ela maldicimos os homes, creados semellantes a Deus.
- 10Dos mesmos beizos saen a bendición e mais a maldición. E isto, irmáns, non debía ser así.
- 11É que hai fonte que polo mesmo picho bote auga doce e auga amarga?
- 12Meus irmáns, é que pode dar olivas a figueira ou figos a videira? E tampouco unha fontela salgada pode dar auga doce.
- 13Quen de vós ten bo xuízo e experiencia? Pois quen o teña que manifeste coa súa boa conduta as obras feitas con asisada mansedume.
- 14Pero, se tedes o corazón cheo de celos acedos e de liortas, deixádevos de fachendas e non andedes mentindo contra a verdade;
- 15esta sabedoría non vén de arriba senón que é da terra, animal, endiañada.
- 16Pois onde hai receos e liortas, dáse tamén alí o descontento e toda caste de ruindades.
- 17Pola contra, a sabedoría que vén do ceo é primeiramente pura e despois pacífica, sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento.
- 18O froito da xustiza seméntano coa paz os que van facendo a paz.