CARTA DE SANTIAGO - Capítulo 5
Capítulo 5
- 1E vós, os ricos, chorade e berrade polas desgrazas que van vir enriba de vós.
- 2A vosa riqueza está podrecida; a vosa roupa chea de couza;
- 3o voso ouro e a vosa prata, enferruxados; e a mesma ferruxe será testemuño en contra vosa e, coma se for lume, comerá as vosas carnes. Estades atesourando na fin dos tempos!
- 4Atención! O xornal que non lles pagastes aos obreiros que vos fixeron a seitura está clamando e o seu berro chega aos oídos do Señor dos Exércitos.
- 5Vivistes na terra cheos de fartura e cebastes os vosos corazóns nos praceres para o día da matanza.
- 6Condenastes o xusto e matástelo sen que el vos fixese fronte.
Saber agardar
- 7Tede, logo, paciencia, irmáns, deica a volta do Señor. Reparade en como o labrego coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra agarda con paciencia as augas temperás e as serodias.
- 8Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará.
- 9Non vos queixedes, irmáns, uns dos outros, para que non vos sentencien; mirade que o xuíz está xa á porta.
- 10No sufrimento e na paciencia, irmáns, seguide o exemplo dos profetas que falaron no nome do Señor.
- 11Mirade que agora nós chamámoslles benaventurados aos que aturaron todo. Tedes oído falar da paciencia de Xob e xa vedes a fin que lle concedeu o Señor, porque o Señor é compasivo e misericordioso.
- 12Sobre todo, irmáns, non xuredes: nin polo ceo nin pola terra, nin por cousa ningunha. Que o voso si, sexa si; e que o voso non, sexa non; para que non vos sometan a xuízo.
A oración
- 13Anda magoado algún de vós? Que rece. Séntese alegre? Que cante salmos.
- 14Algún de vós ten unha doenza? Faga traer os anciáns da comunidade, para que recen por el, unxíndoo con aceite no nome do Señor.
- 15E a oración feita na fe salvará o enfermo; o Señor fará que se erga e, se tiver pecados, perdoaránselle.
- 16Así que confesádevos mutuamente os vosos pecados e rezade uns polos outros para que teñades saúde. Moito pode a oración teimosa do xusto.
- 17Elías era un home coma calquera de nós; pediu afervoadamente que non chovese e non choveu nada en tres anos e medio;
- 18volveu pedir e o ceo mandou auga e a terra deu os seus froitos.
- 19Meus irmáns, se algún de vós se arreda da verdade e outro o trae ao bo camiño,
- 20tede seguro que quen fai que un pecador volva dos seus camiños trabucados, salvará a súa alma da morte e soterrará unha chea de pecados.