PRIMEIRA CARTA DE PEDRO - Capítulo 1
Capítulo 1
Saúdo
- 1Pedro, apóstolo de Xesús Cristo, aos emigrantes espallados polas provincias do Ponto, Galacia, Capadocia, Asia e Bitinia,
- 2aos que xa Deus Pai tiña escollidos e a quen santificou co Espírito para obedeceren a Xesús Cristo e para asperxelos co seu sangue. Para vós graza e paz con toda abundancia!
PRIMEIRA PARTE: ESIXENCIAS DO BAUTISMO
Loanza a Deus por renacer cristiáns
- 3Loado sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo!
Que pola súa grande compaixón,
resucitou a Xesús Cristo da morte
e fíxonos renacer a unha vida que se nos dá en esperanza,
- 4a unha herdanza que non se corrompe
nin se afea
nin murcha,
predestinada por Deus para vós;
- 5grazas á fe que vós tedes,
estades protexidos polo poder de Deus
en vistas á salvación
que está para se manifestar, no intre final.
- 6Por iso brincades de alegría, aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir por un pouco tempo diferentes probas.
- 7Deste xeito, o xenuíno da vosa fe ten máis valía do que o ouro –que, a pesar de ser pasadío, se aquilata no lume– e considérase merecente de loanza, gloria e honra cando se revele Xesús Cristo,
- 8a quen amades sen o terdes visto; en quen credes, aínda sen o ver; e brincades, cheos dunha alegría indicible e gloriosa,
- 9porque conseguistes o froito da vosa fe, a vosa salvación persoal.
- 10Sobre esta salvación meditaron e pescudaron algúns profetas, que profetizaron acerca da graza que se vos concedeu.
- 11Pescudaron eles a data e as circunstancias ás que o Espírito de Cristo, presente neles, se quería referir, cando lles predicía os sufrimentos reservados a Cristo e as glorias que virían despois.
- 12Revelóuselles que non eran ministros destes misterios proféticos para proveito deles senón para o voso: misterios proféticos, que nesta era vos anunciaron os que vos evanxelizaron movidos polo Espírito Santo mandado desde o ceo, cousa esta que os mesmos anxos desexan achegarse a ollar.
Ser santos, a imitación de Deus
- 13Por iso, preparados espiritualmente para a vosa peregrinación e vivindo con sobriedade, poñede toda a vosa esperanza na graza que se vos concederá cando sexa a revelación de Xesús Cristo.
- 14Coma fillos obedientes, non vos axeitedes aos desexos de antes, cando viviades na ignorancia,
- 15senón que, do mesmo xeito que o que vos chamou é santo, así tamén sede vós santos en calquera circunstancia,
- 16porque a Escritura di: Seredes santos, porque eu son santo.
- 17E aínda que lle podedes chamar Pai ao que xulga con imparcialidade as obras de cada un, comportádevos con respecto durante o tempo do voso peregrinar,
- 18porque xa vedes que non vos rescataron dese tipo idolátrico de vida, que recibistes dos vosos pais, con algo perecedoiro, tal coma ouro ou prata,
- 19senón que vos rescataron co precioso sangue de Cristo, Año sen defecto nin tacha.
- 20El xa estaba escollido de antes da creación do mundo, pero presentouse nos derradeiros tempos para o voso ben.
- 21Por medio del tedes fe en Deus, que o resucitou da morte e o glorificou, e dese xeito a vosa fe e a vosa esperanza están postas en Deus.
O amor, esixencia do anuncio cristián
- 22Xa que a purificación do voso interior coa aceptación da Verdade, vos levou a querervos sinceramente coma irmáns, querédevos ben uns aos outros, de corazón e con constancia.
- 23Porque volvestes nacer, non dunha semente perecedoira, senón dunha imperecedoira: volvestes nacer por medio da Palabra vivificadora e permanente de Deus.
- 24Porque
- todo mortal é coma unha herba,
- e toda a súa beleza coma a flor dunha herba:
- secou a herba
- e caeu a flor;
- 25en troques, a palabra do Señor permanece para sempre.
- Ora, esa é a palabra con que vos evanxelizaron.