PRIMEIRA CARTA DE PEDRO - Capítulo 2
Capítulo 2
O sacerdocio dos cristiáns
- 1Así que, espídevos de toda maldade, de toda mesquindade e finximento, da envexa e de falar mal dos outros.
- 2Coma nenos que acaban de nacer, ansiade o leite puro, o espiritual, que recibistes no bautismo, para medrardes con el en orde á salvación,
- 3xa que probastes o bo que é o Señor.
- 4Ao achegárdesvos ao Señor, pedra vivificadora –de refugallo para os homes, pero pedra escollida e apreciada aos ollos de Deus–,
- 5sede tamén vós, coma pedras vivas, parte da construción do templo espiritual: para os cultos dun sacerdocio santo e para ofrecer ofrendas espirituais, aceptables a Deus por medio de Xesús Cristo.
- 6Por iso lese na Escritura:
- Ollade que eu poño en Sión unha pedra angular,
- escollida e digna de honra;
- quen fíe nela, non levará desengano.
- 7A súa honra é para vós os que credes, pero para os que non cren é
- a pedra que refugaron os canteiros
- e que se converteu en esquinal
- 8e aínda máis:
- en pedra onde se tropeza,
- en couce onde un se esnafra.
Eles tropezan contra a Palabra, porque non lle fixeron caso: tropezar era o seu destino.
- 9Pero, en cambio, vós sodes raza escollida, sacerdocio de reis, nación santa, pobo adquirido por Deus, para pregoardes as marabillas daquel que vos chamou das tebras á súa luz admirable.
- 10Vós, os que antes non erades pobo,
agora sodes o pobo de Deus;
ninguén se compadecía de vós,
pero agora atopastes quen se compadeza de vós.
DIVERSOS CONSELLOS
Consellos ao pobo de Deus que vive entre pagáns
- 11Meus amigos, recoméndovos que, coma forasteiros e emigrantes que sodes, vos manteñades lonxe dos baixos desexos que loitan contra nós.
- 12Entre os pagáns mantede un comportamento honrado, para que, aínda que vos calumnien polo voso comportamento coma malfeitores, ao veren as vosas obras boas, acaben por dar gloria a Deus, o día que El os visite.
- 13Sometédevos ante toda institución humana por mor do Señor, ora sexa o emperador, como soberano que é,
- 14ou os gobernadores, como delegados seus, para castigar os malfeitores e premiar aos que fan o que está ben.
- 15Porque isto é o que Deus quere: que portándovos ben, lle tapedes a boca á ignorancia dos estúpidos.
- 16Isto facédeo como xente libre de verdade e non como quen toma a liberdade para tapar a ruindade, senón como servidores de Deus.
- 17Tede consideración con todo o mundo, querede ben aos irmáns, respectade a Deus, honrade o emperador.
Consellos para a vida en familia: os criados
- 18Os criados sometédevos aos vosos amos con todo o respecto; non só aos que son bos e comprensivos, senón tamén aos que son rigorosos,
- 19pois o mérito está en que un, dándose conta de que Deus o quere, ature mágoas inxustamente sufridas.
- 20Porque que mérito ten que aguantedes que vos enchan de labazadas por vos portardes mal? Pero, se vos portades ben e, mesmo así, aguantades sufrimentos, isto é precioso aos ollos de Deus.
- 21De feito chamouvos Deus para isto, porque tamén Cristo sufriu por vós, deixándovos así un exemplo para que sigades os seus pasos.
- 22El, que non fixo pecado,
nin engano se atopou na súa boca,
- 23cando o aldraxaban, non devolvía aldraxes; mentres sufría, non ameazaba, senón que se puña nas mans do que xulga con xustiza.
- 24No seu corpo, el ofrendou os nosos pecados sobre a cruz, para que nós, mortos ao pecado, vivamos para a xustiza: curáronnos as súas chagas.
- 25Erades coma ovellas extraviadas, pero agora volvéstesvos ao voso pegureiro e pastor.