PRIMEIRA CARTA DE PEDRO - Capítulo 3
Capítulo 3
Consellos ás mulleres
- 1No tocante ás mulleres, que se sometan aos seus homes; deste xeito, se algúns non cren na Palabra, sen necesidade de palabra ningunha poderanos gañar
- 2polo bo xeito de vida por respecto ao Señor.
- 3Que os vosos adornos non sexan os exteriores dunha trenza no pelo nin rodearvos de xoias de ouro ou vestirvos con variedade de vestidos;
- 4senón que sexa a personalidade escondida dentro, no corazón, co adorno indeformable dun espírito agarimoso e acougado; isto si que é algo precioso aos ollos de Deus.
- 5Así tamén se adornaban noutro tempo as santas mulleres que esperaban en Deus, someténdose aos seus homes.
- 6Así obedeceu Sara a Abraham, chamándolle “o meu dono”. Vós, se facedes o ben e non vos amedrentades por ningunha alarma, é porque xa vos fixestes fillas de Sara.
Consellos aos homes
- 7No tocante aos homes, convivide coas vosas mulleres con comprensión, mostrándolles o debido respecto, tal como se lle debe a un ser máis feble e coma a herdeiras convosco do don gratuíto da Vida: así seredes capaces de rezar sen estorbos.
Levarse ben
- 8En fin, andade todos de acordo e cos mesmos sentimentos, querédevos coma irmáns, tede un corazón compasivo e un xeito humilde;
- 9non vos volvades mal por mal, nin insulto por insulto; ao contrario, devolvede bendicións, porque para isto vos chamaron: para serdes herdeiros dunha bendición.
- 10Porque:
- Se un ama a vida
- e quere ver días felices,
- conteña a súa lingua do mal,
- e os seus beizos de falar falsidades;
- 11escape do mal e faga o ben,
- procure a paz e esfórcese por pillala.
- 12Pois a mirada do Señor fólgase nos xustos,
- e os seus oídos atenden os seus rogos;
pero a cara do Señor anóxase contra os que fan o mal.
É bo sufrir, sendo honrados
- 13Ademais, quen sería capaz de vos facer mal, se vós estivésedes afincados no ben?
- 14Pero, aínda supoñendo que tivésedes que sufrir por serdes xustos, benaventurados vós: non lles teñades medo nin vos asustedes.
- 15Ao contrario, para os vosos adentros adorade a Cristo como Señor, estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro.
- 16Pero respondede con bo xeito e con respecto; tede a conciencia limpa, de xeito que os que desprezan o voso bo comportamento cristián, se vexan confundidos naquilo mesmo de que vos calumnien.
- 17Pois sempre sería mellor sufrir, se tal fose a vontade de Deus, por facerdes o ben, que por facerdes o mal.
O exemplo de Cristo e a salvación polo bautismo
- 18Tamén Cristo morreu unha vez polos vosos pecados,
o xusto polos pecadores, para vos achegar a Deus;
sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito.
- 19Foi daquela cando lles foi proclamar a salvación
mesmo aos espíritos encadeados,
- 20que foran rebeldes,
cando, nos tempos de Noé,
Deus, cheo de paciencia,
estábaos agardando, mentres se construía a arca:
dentro dela, uns poucos,
en total oito persoas,
salváronse pola auga;
- 21esta auga simbolizaba o bautismo que vos salva a vós, non por ser unha limpeza do corpo lixoso, senón por ser o compromiso con Deus dunha conciencia honrada, pola mediación de Xesús Cristo resucitado,
- 22que subiu ao ceo e está á dereita de Deus, despois que se lle someteron os anxos, os poderes e as forzas.