PRIMEIRA CARTA DE PEDRO - Capítulo 5
Capítulo 5
Preocupación pastoral e obediencia na humildade
- 1Aos responsables das vosas comunidades, exhórtoos eu, responsable coma eles, que fun testemuña dos padecementos de Cristo e que terei parte convosco na gloria que está para se manifestar:
- 2coidade o rabaño de Deus, que está á vosa garda; mirade por el, non por pura obriga senón, como Deus quere, de boa gana; nin por baixos intereses de lucro senón porque vos agrada;
- 3nin dándovolas de señores dos que se vos encomendaron, senón facéndovos exemplo para o rabaño.
- 4Así, cando apareza o supremo Pastor, recibiredes a coroa da gloria, que nunca murcha.
- 5Tamén os mozos haberedes ser ben guiados cos responsables. No trato cos demais revestídevos todos vós dun pensar humilde, porque
- Deus oponse aos soberbios,
pero concédelles a graza aos humildes.
- 6Por iso vós facédevos humildes, para estardes baixo a man poderosa de Deus, de xeito que El vos levante no intre oportuno.
- 7Botade sobre Deus todas as vosas ansias, que El coida de vós.
Estar alerta, para vencer ao demo e servir a Deus
- 8Pero comede e bebede con regra. Alerta! Que o voso inimigo, o demo, bruando coma un león, anda ao arredor á procura de quen engulir.
- 9Resistídelle firmes na fe, sabendo que os mesmos sufrimentos lles están reservados aos vosos irmáns en todo o mundo.
- 10Pois Deus, de quen vén toda a graza e que vos chamou por medio de Cristo á súa gloria eterna, despois dun pouco de sufrimento, El mesmo vos porá en forma, vos volverá firmes, fortes e vos dará estabilidade.
- 11El ten poder polos séculos dos séculos. Amén.
Despedida
- 12Do puño de Silván, irmán fiel –así o considero–, escribinvos esta pequena carta, para exhortarvos e asegurar que esta é a verdadeira graza de Deus. Afincádevos ben nela.
- 13A comunidade escollida coma vós, que vive en Babilonia, mándavos saúdos e tamén o meu fillo Marcos.
- 14Saudádevos uns aos outros cun bico de irmáns. Paz a todos vós, os cristiáns.