SEGUNDA CARTA DE PEDRO - Capítulo 1
Capítulo 1
Saúdo
- 1Simón Pedro, servidor e apóstolo de Xesús Cristo, aos que tiveron a sorte de recibir unha fe de tanta estima coma a nosa, debido á xusta repartición de Xesús Cristo, noso Deus e Salvador:
- 2que vos aumente a graza e a paz, ao irdes coñecendo mellor a Deus e a Xesús, noso Señor.
O camiño do Reino de Xesús
- 3Ao coñecermos a Aquel, que nos chamou coa súa propia gloria e coa súa forza, o seu poder divino convidounos con todo canto precisamos para a vida e para a piedade.
- 4Con esa gloria e esa forza tamén nos convidou aos máis preciosos e mellores bens prometidos, para que por estes bens, fuxindo da podremia que o egoísmo produce no mundo, sexades partícipes da natureza de Deus.
- 5Por iso mesmo, con toda a dilixencia, coidade fomentar coa vosa fe a virtude; coa virtude, o xuízo moral;
- 6co xuízo moral, o dominio de vós mesmos; co dominio de vós, a constancia; e coa constancia, a piedade;
- 7coa piedade, o agarimo de irmáns; e co agarimo, o amor.
- 8Pois ben, se xa sodes donos destas boas calidades e van en aumento en vós, non vos deixarán ser nugalláns e estériles para conseguirdes coñecer ao noso Señor Xesús Cristo.
- 9Porque o que non as ten é un cego, que non ve de lonxe, xa que lle esqueceu a purificación dos seus pecados pasados.
- 10Por isto, irmáns, esforzádevos cada vez máis en asegurarvos a chamada e a elección que se fixo de vós. Se obrades así, endexamais non fracasaredes,
- 11pois deste xeito hásevos franquear a entrada no Reino eterno do noso Señor e Salvador Xesús Cristo.
Finalidades da carta
- 12E así eu teimarei sempre en vos lembrar estas cousas, aínda que xa as coñecedes e estades firmes na verdade que recibistes.
- 13Mentres vivo nesta tenda, penso que é o meu deber espelirvos cun testamento espiritual,
- 14sabendo que logo teño que abandonar a miña tenda, como mostrou o noso Señor Xesús Cristo.
- 15Coidarei, logo, de que, en toda ocasión, aínda despois da miña morte, vos poidades lembrar destas cousas.
O testemuño do apóstolo e o da palabra profética
- 16Se vos demos a coñecer a vinda poderosa do noso Señor Xesús Cristo, non foi guiándonos por contos argallados con habilidade, senón porque fomos testemuñas oculares da súa grandeza.
- 17Pois recibiu honor e gloria de parte de Deus Pai, cando desde a sublime Gloria lle chegou aquela voz tan especial: Este é o meu Fillo, o meu predilecto, o Fillo do meu contento.
- 18Esta voz oímola nós vir do ceo, estando con el no monte santo.
- 19Deste xeito temos confirmación da palabra profética, á que facedes ben en estardes atentos, coma un candil aceso en lugar escuro, ata que alborexe o día, e o luceiro da alba naza nos vosos corazóns.
- 20Antes que nada, dádevos conta disto: que ningunha profecía da Escritura é obxecto de interpretación privada.
- 21Porque ningunha profecía se fixo por proxecto de home senón que, sendo homes, falaron de parte de Deus, levados polo Espírito Santo.