PRIMEIRA CARTA DE XOÁN - Capítulo 2
Capítulo 2
- 1Meus filliños, escríbovos estas cousas para que non pequedes; pero, se algún peca, temos quen nos defenda diante do Pai: Xesús Cristo, o xustificador.
- 2El é quen expía os nosos pecados, e non só os nosos, senón tamén os de todo o mundo.
Segundo criterio: cumprir cos mandamentos, maiormente o do amor
- 3Sabemos que o coñecemos de verdade polo feito de que cumprimos cos seus mandamentos.
- 4O que di: “Eu coñézoo” pero non cumpre cos seus mandamentos, é un mentireiro e non ten en si a verdade revelada.
- 5Quen garda a súa Palabra, nel o amor de Deus chega de verdade ao máximo: nisto é onde coñecemos que estamos con El.
- 6Quen di que permanece en comuñón con El, ten que comportarse como Xesús se comportou.
- 7Meus amigos, non vos comunico un mandamento novo senón un mandamento antigo, que xa tiñades desde o comezo: este mandamento antigo é a Palabra que daquela escoitastes.
- 8E, con todo, comunícovos un mandamento novo: esta novidade é verdadeira, sexa polo que a Xesús toca, sexa polo que vos toca a vós, porque a escuridade vai desaparecendo e brilla xa a luz verdadeira.
- 9Quen di que está na Luz pero odia a seu irmán, aínda está na escuridade.
- 10Quen ama a seu irmán, está na Luz e nel non hai nada que o faga tropezar.
- 11En troques, quen odia a seu irmán está na escuridade e camiña na escuridade e, por isto, non sabe a onde vai, porque a escuridade lle cegou os ollos.
A verdadeira comuñón con Deus
- 12Dígovos, meus fillos,
que os vosos pecados están perdoados por mor do seu nome.
- 13Dígovos, pais,
que vós tedes o coñecemento daquel, que é desde o comezo.
Dígovos, mozos,
que vós vencestes ao Maligno.
- 14Díxenvos, por tanto, meus filliños,
que vós tedes o coñecemento do Pai.
Díxenvos, por tanto, pais.
que vós tedes o coñecemento daquel que é desde o comezo.
Díxenvos, por tanto, mozos,
que vós sodes valentes,
que a Palabra de Deus está dentro de vós,
e que por isto vencestes ao Maligno.
- 15Non lle queirades ben ao mundo nin ao que hai nel. O amor do Pai non pode estar en quen lle queira ben ao mundo.
- 16Porque todo o que hai no mundo __as inclinacións ao mal, os ollos que endexamais nunca se enchen e o orgullo que dá ter moitos cartos__ non vén do Pai, senón que vén do mundo.
- 17Porque o mundo pasa e as súas cobizas tamén, pero quen cumpre coa vontade de Deus, permanece para sempre.
- 18Meus fillos, estamos na hora derradeira. Conforme oístes, tiña que vir o Anticristo; ollade que xa están aquí moitos anticristos: por isto sabemos que estamos na hora derradeira.
- 19Os anticristos saíron dos nosos, aínda que eles non eran dos nosos. Se fosen dos nosos habían quedar connosco; pero non, eles saíron para deixar ver que non todos son dos nosos.
- 20Vós, en troques, recibistes do Santo unha unción e todos vós tedes o coñecemento.
- 21Decidinme a escribirvos, non porque non coñezades a verdade, senón xustamente porque xa a coñecedes e porque da verdade non saen mentiras.
- 22Quen é o mentireiro, senón o que nega que Xesús é o Mesías? Ese tal é o Anticristo, porque nega ao Pai e ao Fillo.
- 23Quen nega ao Fillo, xa non ten comuñón co Pai; e quen profesa a súa fe no Fillo, tamén ten comuñón co Pai.
- 24Respecto a vós, ao contrario: que vos quede dentro o que aprendestes desde o comezo. Se o que aprendestes desde o comezo vos queda dentro, tamén vós permaneceredes no Fillo e no Pai,
- 25xa que esta é xustamente a promesa que o Fillo nos fixo: a vida eterna.
- 26Ben. Dos que vos queren descamiñar, xa chega co dito.
- 27Ademais, vós conservades dentro a unción que recibistes de Cristo, e deste xeito non precisades que ninguén vos faga de mestre, porque a unción de Cristo __que é unha realidade e non unha ilusión__ xa vos ensina todo. Permanecede nel como ela vos ensinou.
- 28Pois logo, meus fillos, seguide en comuñón con el, para que cando se nos manifeste o día que volva, teñamos unha seguridade confiada e non nos sintamos fracasados lonxe del.
Terceiro criterio: practicar a xustiza é propio dos fillos
- 29Xa sabedes que Cristo é xustificador: tirade, logo, de aquí a consecuencia, que todo aquel que fai o que é xusto é fillo del.