PRIMEIRA CARTA DE XOÁN - Capítulo 3
Capítulo 3
- 1Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus e sérmolo de verdade. Por iso o mundo non nos recoñece, porque tampouco non o recoñeceu a El.
- 2Meus amigos, xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos: sabemos que, cando Xesús apareza, nós seremos coma el, xa que o veremos tal e como é.
- 3Todo o que ten posta en Xesús esta esperanza, trata de vivir unha vida limpa, para ser limpo coma el.
- 4Todo aquel que peca comete unha ruindade, xa que o pecado é esa rebeldía.
- 5E sabedes que el se presentou para quitar os pecados, xa que nel non hai pecado.
- 6A quen segue en comuñón con el, non lle dá por pecar: quen peca é que non o viu nin o coñeceu.
- 7Meus fillos, que ninguén vos extravíe: quen fai o que é xusto, vólvese xusto, xa que imita a Aquel que é xusto.
- 8Quen comete pecado, vén do demo, xa que o demo é pecador desde o comezo. Por isto se fixo ver o Fillo de Deus, para acabar coas obras do demo.
- 9Quen naceu de Deus, xa non comete pecado, porque a semente de Deus queda nel: xa non pode pecar, porque naceu de Deus.
- 10Nisto é onde se ven os que son fillos de Deus e os que son fillos do demo.
Cuarto criterio: o amor ao próximo
Quen non fai o que é xusto, isto é, quen non quere ben a seu irmán, non vén de Deus. - 11Porque esta é a mensaxe que oístes desde o comezo: que nós nos amemos uns aos outros.
- 12Non coma Caín, que, vindo da caste do demo, matou a seu irmán. E por que o matou? Porque os seus feitos eran do demo, mentres que os do seu irmán eran xustos.
- 13Non vos admiredes, irmáns, de que o mundo vos teña odio.
- 14Ollade que nós sabemos que pasamos da morte á vida en que lles queremos ben aos irmáns; o que non quere ben, permanece na Morte.
- 15Quen odia a seu irmán é un asasino, e xa sabedes que ningún asasino leva en si a vida eterna.
- 16Soubemos o que é o amor desde que el deu a súa vida por nós e entón decatámonos de que nós temos que dar a vida polos irmáns.
- 17Pois como pode estar o amor de Deus naquel que, tendo moitos bens deste mundo e vendo pasar necesidade ao irmán, lle cerra as entrañas?
- 18Meus filliños, non amemos de palabra e de lingua, senón con feitos e na verdade.
Confianza con Deus
- 19Deste xeito saberemos que vivimos conforme a verdade e sosegaremos o noso corazón diante do tribunal de Deus.
- 20Porque aínda que o noso corazón nos acuse, Deus é meirande ca o noso corazón e coñece todo.
- 21Meus amigos, se o corazón non nos acusa, temos confianza para nos achegar a Deus,
- 22e El danos o que lle pidamos, porque cumprimos cos seus mandamentos e facemos o que a El lle agrada.
- 23Isto é o que El manda: que creamos no seu Fillo Xesús Cristo e que nos queiramos ben uns aos outros, coma el nos mandou.
- 24O que cumpre cos seus mandamentos, está en comuñón con Deus, e Deus en comuñón con el: coñecemos que Deus está en comuñón connosco polo Espírito que nos deu.