PRIMEIRA CARTA DE XOÁN - Capítulo 4
Capítulo 4
Quinto criterio: a fe en Xesús, levados polo Espírito
- 1Meus amigos, non fiedes en calquera espírito: máis ben, poñede á proba os espíritos, para ver se veñen de Deus. Porque de entre nós saíron polo mundo moitos falsos profetas.
- 2O Espírito de Deus podémolo distinguir nisto: vén de Deus todo espírito que profesa que Xesús Cristo veu en carne mortal;
- 3non pode vir de Deus o espírito que non profesa a Xesús: ese é o espírito do Anticristo, de quen oístes dicir que ía vir e agora xa está no mundo.
- 4Meus filliños, vós sodes de Deus, e tedes os anticristos sometidos a vós, porque o que está en vós é maior ca o que está no mundo.
- 5Eles son dos do mundo, falan ao xeito do mundo e por isto escóitaos o mundo.
- 6Nós, en troques, somos dos de Deus: quen coñece a Deus, escóitanos; quen non é dos de Deus, non nos escoita. Nisto é onde coñecemos o Espírito da verdade e o espírito do error.
Sexto criterio: a fe no amor de Deus
- 7Meus amigos, amémonos uns aos outros, porque o amor vén de Deus; e todo aquel que ama naceu de Deus e coñece a Deus.
- 8O que non ama, aínda non coñece a Deus, porque Deus é amor.
- 9O amor de Deus fíxose ver entre nós en que Deus mandou ao mundo o seu Fillo Unixénito, para que nos dese a súa vida.
- 10Hai amor dentro de nós, non porque nós teñamos amado a Deus, senón porque El nos amou a nós e mandou o seu Fillo para que expiase os nosos pecados.
- 11Meus amigos, se Deus nos amou tanto, tamén nós nos temos que amar uns aos outros.
- 12A Deus non o deu visto nunca ninguén; pero, se nós nos amamos uns aos outros, Deus está en comuñón connosco e o seu amor faise realidade cumprida en nós.
- 13Coñecemos que estamos en comuñón con El e El connosco, en que nos deu parte no seu Espírito.
- 14Nós mesmos o contemplamos e por iso testemuñamos que o Pai mandou o seu Fillo como salvador do mundo.
- 15Se un profesa que Xesús é o Fillo de Deus, Deus está en comuñón con el e el con Deus.
- 16Pero nós xa o coñecemos e temos posta a nosa fe neste amor: o amor que Deus mantén vivo entre nós. Deus é amor, e quen permanece no amor permanece en Deus e Deus permanece nel.
- 17Nisto chega o amor a ser realidade cumprida en nós: en que miramos para o día do xuízo con confiada seguridade, porque tamén nós vivimos neste mundo ao xeito de Cristo.
- 18No amor non hai temor; antes ben, o amor perfecto bota fóra o temor, pois o temor é temor dun castigo: quen ten medo non chegou a un amor perfecto.
- 19Nós somos capaces de amar, porque El nos amou primeiro.
- 20Se un di: “Eu amo a Deus”, pero odia a seu irmán, é un mentireiro. Porque quen non ama a seu irmán a quen está vendo, non pode amar a Deus, a quen nunca viu.
- 21Este é xustamente o mandamento que temos recibido del: que quen ama a Deus, ame tamén a seu irmán.