PRIMEIRA CARTA DE XOÁN - Capítulo 5
Capítulo 5
A fe, razón do amor e da comuñón con Deus
- 1Todos cantos cren que Xesús é o Mesías, naceron de Deus; e quen ama ao que xera, ama tamén a quen aquel xerou.
- 2Sabemos que amamos aos fillos de Deus, se amamos a Deus e cumprimos cos seus mandamentos.
- 3Porque o amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus non son pesados,
- 4porque nacer de Deus permítenos vencer ao mundo. E esta é a vitoria que derrota o mundo: a nosa fe.
- 5Porque quen é o que derrota ao mundo, senón o que cre que Xesús é o Fillo de Deus?
- 6O que veu con auga e sangue, foi el, Xesús Cristo; non veu con auga só, senón con auga e con sangue. E o Espírito é quen dá testemuño, xa que o Espírito é a Verdade.
- 7Porque tres son os que dan testemuño:
- 8o Espírito, a auga e mais o sangue, e os tres testemuñan no mesmo sentido.
- 9Se nós aceptamos o testemuño dos homes, maior razón ten o testemuño de Deus. E este é o testemuño de Deus: o que El nos ten dado acerca do seu Fillo.
- 10Quen cre no Fillo de Deus leva dentro de si este testemuño; quen non lle dá fe a Deus, pono por mentireiro, xa que non cre no testemuño que Deus ten dado acerca do seu Fillo.
- 11E nisto consiste ese testemuño: en que Deus nos deu a vida eterna, a vida que está no seu Fillo.
- 12Quen ten o Fillo, ten a vida; quen non ten o Fillo, non ten a vida.
Epílogo
- 13Con esta carta quero que vós, os que credes no Fillo de Deus, esteades seguros de que tedes a vida eterna.
- 14Cando acudimos a el, estamos certos de que nos escoita, se o que lle pedimos está conforme coa súa vontade.
- 15Se estamos certos de que nos escoita en calquera cousa que lle pidamos, estamos tamén certos de que xa conseguimos o que lle estamos pedindo.
- 16Se alguén ve que o seu irmán peca con pecados que non levan á morte, que rece por el e Deus daralle a vida. Refírome aos que cometeron pecados que non levan á morte. Porque hai un pecado que leva á morte; e non é por este polo que eu digo que se rece.
- 17Toda inxustiza é pecado, pero hai pecados que non levan á morte.
- 18Sabemos que todo aquel que é un nacido de Deus non peca, senón que o garda consigo aquel que naceu de Deus, para que non lle toque o Maligno.
- 19Sabemos que nós vimos de Deus, mentres que o mundo enteiro está nas mans do Maligno.
- 20Sabemos que o Fillo de Deus xa está aquí e que nos deu entendemento para coñecer o Verdadeiro; nós estamos co Verdadeiro, co seu Fillo Xesús Cristo. Este é o Deus verdadeiro e a vida eterna.
- 21Meus Filliños, gardádevos dos falsos deuses.