SEGUNDA CARTA DE XOÁN - Capítulo 1
Capítulo 1
Saúdo
- 1Eu, o Presbítero, escríbolle á señora elixida e mais aos seus fillos, aos que quero na verdade __e non só eu senón todos os que recoñecen a verdade__,
- 2grazas á verdade que está dentro de nós e que nos acompañará sempre.
- 3Obra da verdade e mais do amor será que nos acompañen o favor, a misericordia e a paz que nos vén de Deus Pai e de Xesús Cristo, o Fillo do Pai.
O mandamento do amor
- 4Algúns dos teus fillos déronme unha alegría moi grande, cando vin que vivían na verdade, conforme o que o Pai nos mandou.
- 5Agora, pídoche, señora, que nos queiramos ben uns aos outros; e con isto non che anuncio un mandamento novo senón o mandamento que recibimos desde un principio.
- 6O amor consiste nisto: en vivirmos conforme os seus mandamentos. Este é o mandamento que oístes desde o principio para que vivades conforme el.
Os anticristos
- 7Agora andan polo mundo moitos sedutores que non profesan que Xesús Cristo veu en carne mortal: Velaí o sedutor e o Anticristo!
- 8Mirade por vós mesmos: para non perderdes o que traballastes, senón para recibirdes a paga enteira.
- 9Todo aquel que se pasa da raia e non segue a doutrina de Cristo, non ten a Deus consigo. Quen segue a doutrina, ten consigo ao Pai e mais ao Fillo.
- 10Se vos fai unha visita alguén que non traia esta doutrina, nin lle ofrezades pousada nin lle deades a “benvida”;
- 11quen lle dea a “benvida”, faise cómplice das súas malas obras.
Despedida
- 12Aínda que teño moitas cousas para vos dicir, non o quero facer con papel e tinta. Espero irvos ver e falarvos cara a cara, para que, deste xeito, a nosa alegría sexa completa.
- 13Saúdante os fillos da túa irmá, a elixida.