CARTA DE XUDAS - Capítulo 1
Capítulo 1
Saúdo
- 1Xudas, servidor de Xesús Cristo e irmán de Santiago, saúda aos chamados, os benqueridos de Deus Pai e gardados para Xesús Cristo:
- 2Que a misericordia, a paz e o amor se realicen en vós con toda abundancia.
Motivo da Carta
- 3Queridiños, levado polo empeño que poño en vos escribir verbo da nosa común salvación, crin de necesidade dirixirme a vós para vos pedir un esforzo especial na loita pola fe que dunha vez por todas se lle entregou ao pobo santo.
- 4Pois á disimulada metéronse algunhas persoas impías, xa de vello apuntadas para esta condenación, que converten en libertinaxe a graza do noso Deus e rexeitan o noso único Dono e Señor Xesús Cristo.
Os falsos mestres
- 5Aínda que estas cousas as teñades xa ben sabidas, quérovos, non obstante, lembrar que o Señor, despois de sacar o seu pobo da escravitude de Exipto, acabou logo cos que non creran.
- 6E tamén que aos anxos que non mantiveran a súa dignidade e abandonaran a súa morada, tenos gardados nas tebras, encadeados con cadeas eternas ata o día do gran xuízo.
- 7O mesmo ca Sodoma e Gomorra e as cidades veciñas que, por se deixaren levar coma eles por inmoralidades e por vicios contrarios á natureza, están como escarmento sufrindo o castigo do lume eterno.
- 8Pois estes, igual: deixándose levar das súas matinacións, lixan a carne, aldraxan o Señorío e maldín os Seres Gloriosos.
- 9O mesmo arcanxo Miguel, cando andaba ás retesías co demo, discutindo sobre o corpo de Moisés, non tivo o atrevemento de lle botar unha sentenza aldraxante, senón que dixo: “Que o Señor te reprenda”.
- 10Pero estes, por unha banda, maldín do que non coñecen; e, pola outra, corrómpense naquelas cousas que como as bestas coñecen por instinto.
- 11Pobres deles! Colleron polo camiño de Caín e polos cartos deixáronse caer no erro de Balaam e morreron na revolta de Coré.
- 12Estes son os que deshonran os vosos xantares de irmandade, con enchentes desaxeitadas e cebándose; nubes sen auga, levadas polos ventos de acá para acolá; árbores outonizas sen froito, dúas veces mortas, desenraizadas;
- 13ardentías do mar que rebotan coma escuma as súas porcalladas; estrelas errantes, ás que lles agardan unhas tebras pechas para sempre.
- 14Destes tamén profetizou Henoc, o sétimo despois de Adán, cando dixo: “Velaquí vén o Señor rodeado de milleiros de anxos,
- 15para facer xuízo a todos e para demostrarlles a todos os malvados as impiedades todas que ruínmente fixeron e todos os arroallos que contra El esbardallaron estes impíos pecadentos”.
- 16Sonvos murmuradores, ándanse a queixar decote, camiñan seguindo as súas cobizas, os seus labios pronuncian verbas abraiantes, afagan as persoas buscando o propio interese.
Exhortación á fidelidade
- 17Pero vós, queridiños, facede lembranza do que predixeron os apóstolos do noso Señor Xesús Cristo.
- 18Eles dicíanvos que no intre derradeiro xurdirían homes impostores, que camiñarían na impiedade, seguindo as súas cobizas.
- 19Ben, pois estes sonvos os tales, provocadores de divisións, homes “animais” que non teñen espírito.
- 20Pero vós, queridiños, edificádevos enriba dos alicerces da vosa fe santísima; rezade no Espírito Santo;
- 21mantédevos no amor de Deus, agardando que a misericordia do noso Señor Xesús Cristo vos dará a vida eterna.
- 22Compadecédevos dos que dubidan:
- 23salvade a algúns, arrincándoos do lume; e dos outros tede piedade, mais con receo, aborrecendo mesmo a roupa lixada polos seus baixos vicios.
Doxoloxía conclusiva
- 24A Aquel que é potente para vos gardar sen pecado e así presentarvos na súa presenza sen mancha e con alegría,
- 25ao único Deus, noso Salvador por Xesús Cristo o noso Señor, a El, digo, deamos a gloria, a maxestade e a autoridade suprema desde o principio, agora e por todos os séculos dos séculos. Amén.