LIBRO DA APOCALIPSE - Capítulo 1
Capítulo 1
PRÓLOGO
Introdución
- 1Revelación de Xesús Cristo que Deus lle outorgou, para que el lles mostrase aos seus servos o que ten que acontecer axiña. E fíxoa coñecer, mandándolla polo seu anxo ao seu servo Xoán,
- 2que é testemuña da palabra de Deus e do propio testemuño de Xesús Cristo, dicindo canto viu.
- 3Benia quen lea e quen escoite esta profecía e faga caso do que nela queda escrito, porque está no seu cumprimento.
Saúdo aos destinatarios
- 4Eu, Xoán, deséxovos ás sete igrexas de Asia graza e paz de parte do que é, o que era e o que está a vir, de parte dos sete espíritos que están diante do seu trono;
- 5e de parte de Xesús Cristo, a testemuña que merece fe, o primeiro en renacer da morte e soberano dos reis da terra.
A aquel que nos ama, que nos liberou dos nosos pecados co seu sangue
- 6e que nos converteu nun reino, en sacerdotes para o seu Deus e Pai: a el a gloria e mais o poder polos séculos dos séculos. Amén.
- 7Velaquí vén nas nubes,
e todo ollo o verá,
mesmo aqueles que o traspasaron:
por el baterán no peito todas as razas da terra.
Certo. Amén.
- 8“Eu son o Alfa e o Omega, di o Señor Deus, o que é, o que era e o que está a vir, o que todo o sostén”.
Liturxia introdutoria. Visión vocacional do autor
- 9Eu, Xoán, voso irmán e compañeiro no sufrimento, no reino e na esperanza en Xesús, estaba na illa chamada Patmos, por cousa da palabra de Deus e do testemuño de Xesús.
- 10Caín en arroubo o día do Señor e oín detrás miña un berro forte, coma dunha trompeta,
- 11que dicía:
__O que vas ver escríbeo nun libro e mándallelo ás sete igrexas: a de Éfeso, a de Esmirna, a de Pérgamo, a de Tiátira, a de Sardes, a de Filadelfia e a de Laodicea.
- 12E dei a volta para ver de quen era a voz que me falaba e, ao virar, vin sete candelabros de ouro
- 13e no medio dos candelabros unha figura humana vestida cunha túnica talar e cunha faixa de ouro cinguida á altura do peito.
- 14A súa cabeza e os seus cabelos eran brancos coma a la branca, coma a neve; e os seus ollos, coma chama de lume;
- 15os seus pés semellantes ao metal, cando se pon roxo na forxa; o seu falar, coma o bruído do mar.
- 16Na man dereita tiña sete estrelas e da boca saíalle unha espada de dous fíos ben afiada. A cara resplandecíalle coma o sol cando dá con toda a súa forza.
- 17Ao velo, caín aos seus pés coma morto. Pero el puxo a súa man dereita sobre min e díxome:
__Non teñas medo. Eu son o Primeiro e o Último,
- 18o que vive; estiven morto pero repara en que estou vivo polos séculos dos séculos e teño as chaves da Morte e do lugar dos mortos.
- 19Escribe, logo, todo o que ves, o que hai e o que ha vir despois disto.
- 20O segredo misterioso das sete estrelas que ollas na miña man dereita e dos sete candelabros de ouro é este: as sete estrelas son os anxos das sete igrexas e os sete candelabros son as sete igrexas.