LIBRO DA APOCALIPSE - Capítulo 10
Capítulo 10
O anxo co seu libro profético
- 1E vin que outro anxo forte baixaba do ceo, envolto nunha nube co arco iris sobre a súa cabeza; o aspecto da súa cara era coma o sol e as pernas coma columnas de lume.
- 2Tiña na man un libriño aberto e puxo o pé dereito no mar e o esquerdo na terra.
- 3Berrou con toda a forza, coma o brado do león; e, en berrando, falaron os sete tronos coas súas propias voces.
- 4Despois de falaren os sete tronos estaba eu para escribir, pero oín que unha voz desde o ceo me dicía:
__Garda en segredo o que falaron os sete tronos e non o escribas.
- 5E o anxo, que eu vira afincado no mar e na terra, ergueu a súa man dereita cara ao ceo
- 6e xurou:
__Por aquel que vive polos séculos dos séculos, que creou o ceo e canto hai nel, a terra e canto hai nela, o mar e canto hai nel: “Xa non haberá máis demora!;
- 7pero nos días en que apareza a voz do sétimo anxo, cando estea para tocar a trompeta, hase de cumprir o Misterio de Deus, tal como El llelo anunciara, como boa nova, aos seus servos, os profetas.
- 8E a voz que oíra desde o ceo volveu falar comigo para me dicir:
__Vai e colle o libriño aberto, que ten na man o anxo que está afincado no mar e na terra.
- 9Fun onda o anxo dicirlle que me dese o pequeno libro e el respondeume:
__Cólleo e engóleo todo: hache amargar no ventre pero na boca hache ser doce coma o mel.
- 10Eu collín o libriño da man do anxo e engulipeino de vez e fíxoseme na boca doce coma o mel, pero de que o comín enchéuseme de amargor o ventre.
- 11E dixéronme:
__Cómpre que volvas profetizar para moitos pobos, xentes, linguas e reis.