LIBRO DA APOCALIPSE - Capítulo 11
Capítulo 11
O santuario e as dúas testemuñas
- 1Déuseme unha canivela da feitura dunha vara de medir, dicíndome:
__Érguete e mide o santuario de Deus e mais o seu altar e mide os que adoran no santuario.
- 2Mais o adro que está fóra do santuario déixao de lado e non o midas, que llelo deron aos pagáns, que pisarán a cidade santa durante corenta e dous meses.
- 3Eu permitireilles ás miñas dúas testemuñas que fagan de profetas durante mil douscentos sesenta días, vestidas con roupa feita de sacos.
- 4Estas son as dúas oliveiras e os dous candelabros, que están ergueitos diante do Señor do mundo.
- 5E se alguén lles quere facer mal, sairá das súas bocas lume que devorará os seus inimigos; se alguén lles quixer facer mal, cómpre que morra deste xeito.
- 6Eles teñen poder para pechar o ceo, de xeito que non chova durante os días do seu profetizar. Teñen poder de converter a auga en sangue e de castigar a terra con calquera tipo de praga cantas veces queiran.
- 7Pero, cando acaben o seu testemuño, a fera que sobe do abismo loitará contra eles, venceraos e mataraos.
- 8E os seus cadáveres quedarán na praza da gran cidade, que se chama en linguaxe simbólica Sodoma e Exipto, onde tamén foi crucificado o seu Señor.
- 9Xentes de diferentes pobos, tribos, linguas e nacións ollarán para os seus cadáveres durante tres días e medio e non deixarán poñer os cadáveres no sartego.
- 10Os habitantes da terra alegraranse e brincarán de alegría e mandaranse regalos uns aos outros, porque aqueles dous profetas atormentaran os habitantes da terra.
- 11Despois destes tres días e medio, un espírito vivificador mandado por Deus entrou neles e puxéronse en pé. Aos que miraban para eles entroulles un gran medo.
- 12E oíron un forte berro que desde o ceo lles dicía:
__Subide aquí!
E subiron ao ceo nunha nube, á vista dos seus inimigos.
- 13Naquela mesma hora veu un gran terremoto e derrubouse unha décima parte da cidade e morreron no terremoto sete mil homes. Os outros colleron medo e déronlle gloria ao Deus do ceo.
- 14O segundo Ai!, pasou. O terceiro Ai!, velaí vén.
CUARTA SECCIÓN:
A SÉTIMA TROMPETA E A SERIE DAS VISIÓNS DO DRAGÓN
Loanzas e agradecementos
- 15Logo tocou o sétimo anxo e oíronse uns fortes berros desde o ceo, que dicían:
__O reinado do mundo pasou a ser
do noso Deus e do seu Mesías!
El reinará polos séculos dos séculos.
- 16E os vinte e catro anciáns, os que sentan diante de Deus nos seus tronos, prostráronse para adorar a Deus,
- 17dicindo:
__Dámosche grazas a ti, Señor,
Deus que todo o sostén,
que es e que eras,
por asumires o teu grande poder
e comezares a reinar.
- 18Anoxáronse contra ti os xentís,
pero agora chegou o teu anoxo:
é o momento de lles facer xustiza
aos que morreron
e de lles dar a paga aos teus servos,
os profetas,
ao teu Santo pobo e aos que te respectan a ti,
aos pequenos e aos grandes,
e de esnaquizar os que destrúen o mundo.
Anuncio da intervención de Deus
- 19E abriuse o santuario celeste de Deus e apareceu a Arca da súa alianza no seu santuario. Entón houbo lóstregos, berros, tronos, un terremoto e unha grande sarabiada.