LIBRO DA APOCALIPSE - Capítulo 12
Capítulo 12
A muller e o dragón: o nacemento do neno
- 1E apareceu no ceo un gran sinal: unha muller vestida co sol, coa lúa baixo os seus pés e, na cabeza, unha coroa de doce estrelas.
- 2Estaba embarazada e berraba cos retorzóns e as dores do parto.
- 3Apareceu outro sinal no ceo: era un gran dragón vermello, que tiña sete cabezas e dez cornos, e nas cabezas sete diademas.
- 4Co seu rabo arramplaba cunha terceira parte das estrelas do ceo e botábaas na terra. O dragón plantouse diante da muller que estaba para dar á luz, coa idea de engulirlle o filliño en canto nacese.
- 5Tivo un fillo neno: aquel que cun caxato de ferro ha rexer a todas as nacións. Pero Deus arrebatou o filliño da muller onda si, ao seu trono.
- 6E a muller fuxiu para o deserto, onde lle tiña Deus un lugar axeitado para a manter alí mil douscentos sesenta días.
- 7E produciuse unha guerra no ceo: Miguel e os seus anxos combateron contra o dragón. O dragón combatía cos seus anxos,
- 8pero non lles puido; e para eles xa non houbo lugar no ceo.
- 9Deus botou do ceo o gran dragón, serpe antiga, chamado Satán e Satanás, o que fai extraviar a todos os homes: botouno á terra; e os seus anxos con el.
- 10E oín un gran berro no ceo, que dicía:
__Arestora chegou a vitoria, o poder,
e o reino do noso Deus,
así como a soberanía do seu Mesías,
porque expulsaron o acusador
dos nosos irmáns,
o que os acusaba diante do noso Deus,
día e noite.
- 11Mais eles vencérono grazas
ao sangue do Año,
e pola forza do testemuño que deron,
e porque quixeron máis morrer
que vivir neste mundo.
- 12Por iso alegrádevos, ceos,
e os que vivides neles!
Pobre terra e pobre mar!,
porque baixou Satán onda vós:
baixou adoecido,
porque sabe que ten pouco tempo.
- 13E cando o dragón se decatou de que o botaran para a terra, perseguiu a muller que dera a luz o meniño.
- 14Pero Deus deulle á muller as dúas ás da gran aguia, para que fose voando ata o deserto, o seu lugar; e dáselle a mantenza alí, lonxe da presenza da serpe durante un tempo, dous tempos e medio tempo.
- 15A serpe botou pola boca auga, coma un río, detrás da muller, para envolvela na corrente do río;
- 16mais a terra acudiu en axuda da muller: abriu a terra a súa boca e zugou o río, que o dragón botara pola boca.
- 17Enrabexou o dragón contra a muller e foille facer a guerra ao resto da familia dela: aos que gardan os mandamentos de Deus e manteñen firme o testemuño de Xesús.
As dúas bestas
- 18Detívose na area da beira do mar.