LIBRO DA APOCALIPSE - Capítulo 13
Capítulo 13
- 1Logo vin subir do mar unha besta con dez cornos e sete cabezas, e nos cornos tiña dez diademas e nas cabezas tiña un nome blasfemo.
- 2A besta que vin semellaba unha pantera, pero as patas eran coma as do oso e a boca coma a boca do león. O dragón deulle a súa forza, o seu trono e o seu gran poder.
- 3Unha das súas cabezas estaba degolada de morte, mais a súa ferida mortal curou. Todo o mundo se admiraba do que lle sucedera á besta
- 4e adorou o dragón, que tal poder lle dera á besta, dicindo:
__Quen será coma a besta e quen poderá facer guerra en contra dela?
- 5E déuselle ao dragón unha boca para dicir arrogancias e blasfemias e concedéuselle o poder para facelo ao longo de corenta e dous meses.
- 6Abriu a súa boca:
para blasfemar contra Deus,
para blasfemar contra o seu Nome,
contra o seu celeste santuario
e contra os que moran nel.
- 7Permitíuselle facerlle a guerra ao pobo santo e vencelo; e déuselle poder sobre toda tribo, pobo, lingua e nación.
- 8E todos os habitantes da terra, que desde o comezo do mundo non teñen o seu nome escrito no libro da vida do Año que foi degolado, adoraron a besta.
- 9Quen teña oídos, escoite:
- 10Se algún está para a catividade,
irá á catividade.
Se algún está para morrer coa espada,
matarano coa espada.
Aquí están a esperanza e mais a fe do pobo santo.
- 11Logo vin outra besta que subía da terra: tiña dous cornos semellantes aos do año e falaba coma o dragón.
- 12Exerce, baixo a ollada da primeira besta, a súa completa vontade: fai que toda a terra e os seus habitantes adoren a primeira besta, que curara da súa ferida mortal.
- 13Realiza grandes milagres, ata chegar a facer baixar lume do ceo á terra, á vista dos homes.
- 14Descamiña os habitantes da terra cos milagres que se lle permitiron facer diante da besta, dicíndolles que fagan imaxes en honor da besta, que tiña a ferida da espada pero recobrara a vida.
- 15Concedéuselle á segunda besta poder infundir espírito na imaxe da primeira, para facela falar e para que fixese que todos os que non adorasen a imaxe da besta fosen asasinados.
- 16A todos, grandes e pequenos, ricos e pobres, libres e servos, ponlles unha marca na man dereita ou na testa,
- 17e ninguén pode mercar ou vender, se non ten a marca, o nome da besta ou o número do seu nome.
- 18Para isto fai falta a sabedoría: quen teña intelixencia, calcule o número da besta, que é número humano, e o seu número é seiscentos sesenta e seis.