LIBRO DA APOCALIPSE - Capítulo 14
Capítulo 14
O Año e os mártires no monte Sión
- 1Logo tiven unha visión. O Año estaba de pé no monte de Sión, e con el cento corenta e catro mil, que tiñan escrito nas súas frontes o nome do Año e mais o nome do seu Pai.
- 2E oín unha voz desde o ceo coma o bruído dunha gran tormenta de auga e tronos; e a voz que oín semellaba a duns arpistas, floreando nas súas arpas.
- 3Cantaban un cántico novo diante do trono e mais diante dos catro animais e dos anciáns. E ninguén podía aprender o seu canto, fóra dos cento corenta e catro mil, os que foran rescatados da terra.
- 4Estes son os que non se lixaron con mulleres, os que son virxes. Estes son os que acompañan o Año a onde el vaia. Estes foron mercados entre os homes, como ofrenda de primicias para Deus e para o Año.
- 5E na boca deles endexamais non se atopou mentira: son inmaculados.
Tres anxos anuncian a vitoria en tres visións
- 6E vin outro anxo voando polo medio do ceo: levaba unha boa nova eterna, para pregoárllela aos habitantes da terra, a todas as nacións, razas, linguas e pobos.
- 7Dicía a berros:
__Respectade a Deus, dádelle gloria! Porque xa chegou a hora do seu xuízo; e adorade o Creador do ceo e da terra, do mar e das fontes das augas.
- 8E outro anxo, o segundo, viña despois dicindo:
__Caeu, caeu a gran Babilonia!, que ten borrachas a todas as nacións co viño do furor das súas fornicacións.
- 9E outro anxo, o terceiro, viña detrás deles, dicindo a berros:
__Se alguén adora a besta ou a súa imaxe e recibe o sinal dela na súa fronte ou na súa man,
- 10este tal beberá do viño da ira de Deus: viño puro, vertido na cunca da súa ira, e será atormentado con lume e xofre na presenza dos santos anxos e do Año.
- 11O fume que os atormenta sobe polos séculos dos séculos, e os adoradores da besta e mais da súa imaxe e os que reciben a marca do seu nome, non teñen acougo nin de día nin de noite.
- 12Aquí está a esperanza dos santos, dos que observan os mandamentos de Deus e gardan a fe de Xesús.
- 13E oín unha voz do ceo que me dicía:
__Escribe: “Benia os mortos que, de agora en diante, morran no Señor. Si __di o Espírito__, que descansen das súas fatigas, porque as súas obras van con eles”.
Visión anticipada do xuízo de Deus
- 14Logo tiven unha visión. Apareceu unha nube branca, e sobre a nube un cabaleiro semellante a un Fillo de home, cunha coroa de ouro na cabeza, e na man unha fouce ben afiada.
- 15Outro anxo saíu do santuario, berrándolle con fortes berros ao cabaleiro da nube:
__Agarra a túa fouce e sega, que xa chegou o tempo da seitura: a colleita da terra xa está seca.
- 16O cabaleiro da nube botou a súa fouce no mundo e fíxose a seitura.
- 17Logo outro anxo saíu do santuario celeste, tamén el cunha fouce ben afiada.
- 18E de onda o altar saíu outro anxo, o que tiña poder sobre o lume, e chamou a berros ao que tiña a fouce ben afiada e díxolle:
__Mete a túa fouce ben afiada e vendima os acios da viña da terra, porque os bagos están maduros de máis.
- 19E meteu o anxo a súa fouce na viña do mundo e vendimouna e botou os acios na moxega grande da ira de Deus.
- 20E pisouse a moxega fóra da cidade e saíu sangue da moxega ata os freos dos cabalos, sesenta leguas arredor.