LIBRO DA APOCALIPSE - Capítulo 15
Capítulo 15
Introdución ás sete pragas das sete cuncas
- 1Logo vin outro grande e admirable sinal no ceo: sete anxos coas sete pragas, as derradeiras, pois a ira de Deus chega con elas ao cabo.
- 2Despois vin coma un mar de cristal mesturado con lume, e aos que saíron con ben da loita coa besta, coa súa imaxe e co número do seu nome, vinos de pé enriba do mar de cristal, con cítaras para o canto de Deus.
- 3Cantaban o cántico do servo de Deus, Moisés, e o cántico do Año, dicindo:
__Grandes e admirables son as túas obras,
Señor Deus, que todo o sostés;
xusto e fiel é o teu comportamento,
Rei das nacións.
- 4Quen non respectará
e glorificará o teu nome, Señor?
Porque só ti es santo.
Todas as nacións virán
e adorarante prostradas perante Ti,
porque os teus xustos xuízos
quedaron ben á vista.
- 5E despois disto mirei e vin que se abriu o santuario celeste, a tenda do testemuño.
- 6Do santuario saíron os sete anxos coas sete pragas, vestidos de liño curado e lucente, cinguidos con faixas de ouro polo peito.
- 7E unha das catro bestas deulles aos sete anxos sete cuncas de ouro cheas da ira do Deus que vive polos séculos dos séculos.
- 8Logo encheuse o santuario de fume por causa da gloria de Deus e por causa do seu poder. E ninguén podía entrar no santuario, ata que chegasen á fin as sete pragas dos sete anxos.