LIBRO DA APOCALIPSE - Capítulo 16
Capítulo 16
- 1Logo oín un berro que desde o santuario lles dicía aos sete anxos:
__Ide e vertede sobre a terra as sete cuncas da ira de Deus!
As seis primeiras cuncas
- 2E saíu o primeiro e verteu a súa cunca na terra; e unhas chagas malignas e dolorosas aparecéronlles aos homes que tiñan a marca da besta e mais aos que se prostraban para adorar a súa imaxe.
- 3Logo, o segundo, verteu a súa cunca no mar, que se volveu sangue, coma o sangue dun morto, e morreu canto ser vivo se atopaba no mar.
- 4Despois, o terceiro, verteu a súa cunca nos ríos e nas fontes das augas; e volvéronse sangue.
- 5Entón oínlle dicir ao anxo das augas:
__Xusto es ti, que es e que eras, o Santo,
xustiza fas ao sentenciares deste xeito,
- 6porque verteron sangue
de santos e de profetas
e por iso lles deches tamén a beber sangue.
Tíñano ben merecido!
- 7Entón oín que desde o altar dicían:
__Si, Señor Deus, que todo o sostés,
verdadeiras e xustas
son as túas sentenzas.
- 8Logo, o cuarto, a quen se lle deu o poder de abrasar os homes coa calor, verteu a súa cunca no sol.
- 9Os homes sufriron unha gran queimadura e comezaron a xurar contra o nome de Deus, que tiña na súa man o poder sobre estas pragas; pero non cambiaron os seus pensamentos para lle daren gloria a Deus.
- 10Despois, o quinto, verteu a súa cunca no trono da besta, e o seu reino quedou cuberto de tebras. Coa dor comezaron a morder as propias linguas
- 11e a xurar contra o nome do Deus do ceo polas súas dores e chagas; mais non se arrepentiron das súas obras.
- 12Logo, o sexto, verteu a súa cunca no gran río, o Éufrates, e comezou a estiñar a auga para axeitarlles así o camiño aos reis do Nacente.
- 13Despois vin saír da boca do dragón, da boca da besta e mais da boca do falso profeta, tres espíritos inmundos semellantes a sapos:
- 14son os espíritos dos demos que fan prodixios e van onda os reis de toda a terra, para xuntalos para a guerra do día grande do Deus que todo o sostén.
- 15Mira que veño coma un ladrón. Benia o que vixía e garda a roupa para non andar espido e que non lle vexan as súas vergonzas.
- 16Efectivamente, os espíritos xuntáronos no lugar que en hebreo se chama Harmaguedón.
QUINTA SECCIÓN:
A SÉTIMA CUNCA: INTERVENCIÓN LIBERADORA DE DEUS
Introdución
- 17Logo o sétimo verteu a súa cunca no aire, e entón saíu un berro do santuario, de onda o trono, que dicía:
__Xa está!
- 18Entón apareceron lóstregos, berros e trebóns e houbo un terremoto tan grande como endexamais non o houbo desde que hai homes sobre a terra: tan forte foi aquel gran terremoto.
- 19Deste xeito, a gran cidade partiu en tres anacos, as cidades dos xentís viñéronse abaixo, e á gran Babilonia chamárona perante Deus para lle dar a cunca do viño da súa fervente ira.
- 20E todas as illas fuxiron, e xa non se atoparon os montes.
- 21Logo caeu do ceo enriba dos homes un gran pedrazo, de pedras case de corenta quilos; e os homes xuraban contra Deus pola praga do pedrazo, porque esta praga foi terrible.