LIBRO DA APOCALIPSE - Capítulo 19
Capítulo 19
Loas a Deus pola caída de Babilonia
- 1Despois disto oín no ceo coma unha forte voz dunha gran multitude, que dicía:
__Aleluia!
A salvación, a gloria e o poder
son do noso Deus,
- 2porque verdadeiras e xustas
son as súas sentenzas.
El condenou a gran Prostituta,
que coa súa prostitución
corrompeu o mundo,
El vingou o sangue dos seus servos,
que ela tiña no seu poder.
- 3Logo repetiron:
__Aleluia!
O fume do seu castigo
sobe por todos os séculos.
- 4Entón os vinte e catro anciáns e os catro animais prostráronse para adoraren a Deus, que sentaba no trono, e dicían:
__Amén! Aleluia!
Canto ás vodas do Año e conclusión
- 5E do trono saíu un berro que dicía:
__Loade o noso Deus,
todos os seus servidores;
tamén os que o respectades,
pequenos e grandes!
- 6Logo oín algo coma o algareo dunha gran multitude, coma o ruxido das augas abundantes e coma o estrondo dun forte trono, que dicía:
__Aleluia!
Porque comeza o Reino do Señor,
o noso Deus, que todo o sostén.
- 7Alegrémonos e relouquemos
e glorifiquémolo,
porque chegaron as vodas do Año,
e a súa esposa xa se preparou.
- 8Concedéuselle vestir de liño fino,
ben curado e limpo,
pois o liño fino son as obras boas
do pobo santo.
- 9Logo o anxo díxome:
__Escribe: “Benia os que están convidados ao xantar das vodas do Año!”.
E volveume dicir:
__Estas son cousas verdadeiramente propias de Deus.
- 10Boteime aos seus pés para o adorar; pero el díxome:
__Non, non o fagas! Son un servo de Deus igual ca ti e teus irmáns, que manteñen o testemuño de Xesús. Adora a Deus, que dar testemuño de Xesús é ter espírito profético.
VITORIA DEFINITIVA DO AÑO
Visión do Verbo de Deus
- 11Despois vin o ceo aberto. E apareceu un cabalo branco; o cabaleiro que o monta chámase Fiel e Verdadeiro, xulga e loita con xustiza.
- 12Ten os ollos coma chamas de lume, na cabeza ten moitos diademas, e escrito un nome que ninguén coñece, fóra del mesmo.
- 13Leva posto un manto tinxido de sangue, e o seu nome é “Palabra de Deus”.
- 14Os exércitos celestes, vestidos de ben curado liño branco, van tras el en cabalos brancos.
- 15Da boca sáelle unha espada ben afiada, para ferir con ela os xentís: ha de os rexer cun caxato de ferro e pisa a moxega do viño rabioso da ira de Deus, que todo o sostén.
- 16Ten escrito no seu manto e na súa coxa un nome: “Rei de reis e Señor de señores”.
Visión da vitoria do Verbo sobre a besta e os reis
- 17Logo tiven unha visión e vin un anxo de pé no sol. A grandes berros chamou por todos os paxaros que voan polo medio do ceo, dicíndolles:
__Vide aquí, xuntádevos para o gran banquete de Deus!
- 18Para comer a carnaza de reis, de xenerais, de valentes, de cabalos e de cabaleiros; carnaza de todos os homes: libres e escravos, pequenos e grandes.
- 19Logo vin que a besta, os reis do mundo e mais os seus exércitos se xuntaban para faceren a guerra contra o cabaleiro do cabalo e contra o seu exército.
- 20Colleron presos a besta e mais o falso profeta que estaba con ela, o que fixo os prodixios, cos que descamiñou os que recibiron a marca da besta e adornaron a súa imaxe: botáronos vivos aos dous na lagoa de xofre ardendo.
- 21Aos outros matáronos coa espada que saía da boca do cabaleiro que ía montado de a cabalo. Todos os paxaros quedaron fartos da súa carnaza.