LIBRO DA APOCALIPSE - Capítulo 2
Capítulo 2
PARTE EXHORTATIVA: AS SETE CARTAS
A carta á Igrexa de Éfeso
- 1Ao anxo da Igrexa de Éfeso escríbelle:
Isto di quen apreixa coa súa dereita as sete estrelas, quen pasea entre os sete candelabros de ouro:
- 2Coñezo as túas obras e fatigas e mais a túa enteireza e vexo que non podes aturar os malos. Puxeches a proba aos que se teñen por apóstolos sen seren apóstolos e ti atopáchelos falsos.
- 3Eu sei ben que tes esperanza e paciencia e por iso aguantaches por causa miña e non estás canso.
- 4Pero teño contra ti que perdiches o teu amor primeiro.
- 5Acórdate de onde caíches: arrepíntete e ponte a facer as obras de antes. Porque che vou vir cambiar o teu candelabro de sitio, caso de non te arrepentires.
- 6Aínda que unha cousa tes a teu favor: que aborreces a conduta dos nicolaítas, que eu tamén aborrezo.
- 7Quen teña oídos, escoite o que o Espírito lles di ás igrexas. Ao vencedor heille dar a comer da árbore da vida, que está no xardín de Deus.
A carta á Igrexa de Esmirna
- 8Ao anxo da Igrexa de Esmirna escríbelle:
Isto di o Primeiro e o Último, o que estivo morto pero volveu á vida:
- 9Coñezo o teu sufrimento e a túa pobreza __aínda que es rico__ e a maledicencia contra ti dos que se teñen por xudeus sen seren xudeus pero que si son sinagoga de Satanás.
- 10Non teñas medo ningún do que vas sufrir. Ollade que Satán vos ha meter a algúns de vós no cárcere, para vos poñer a proba e teredes sufrimento dez días. Pero mantente fiel ata a morte e dareiche a coroa da vida.
- 11Quen teña oídos, escoite o que o Espírito lles di ás igrexas. Ao vencedor prométolle que non o vai danar a morte segunda.
A carta á Igrexa de Pérgamo
- 12 Ao anxo da Igrexa de Pérgamo escríbelle:
Isto di quen ten a espada de dous fíos ben afiada:
- 13Sei que onde vives é onde Satanás ten o seu trono e que te mantés firme comigo e non negaches a fe en min nin cando Antipas, o meu mártir que tamén fiaba en min, caeu asasinado aí onda vós, onde vive Satanás.
- 14Pero teño contra ti unhas poucas cousas: que tes aí algunha xente enleada coa doutrina de Balaam, que ensinaba a Balac a escandalizar aos fillos de Israel, incitándoos a comer carne sacrificada aos ídolos e a darse á prostitución.
- 15Así tamén ti tes algúns que profesan a doutrina dos nicolaítas.
- 16Arrepíntete, que, como non o fagas, vou vir axiña e loitarei contra eles coa espada da miña boca.
- 17Quen teña oídos, escoite o que o Espírito lles di ás igrexas. Ao vencedor heille dar do maná escondido e tamén unha pedriña branca; e escrito na pedriña un nome novo que ninguén coñece, fóra daquel que a recibe.
A carta á Igrexa de Tiátira
- 18Ao anxo da Igrexa de Tiátira escríbelle:
Isto di o Fillo de Deus, que ten os seus ollos coma a chama do lume e os pés semellantes ao metal:
- 19Coñezo as túas obras, o teu amor, a túa fe, o teu servizo, a túa enteireza e as túas obras últimas, que son máis grandes ca as primeiras.
- 20Pero teño contra ti que deixas que unha muller, Iezabel, se poña o título de profetisa, que ensine e que engaiole os meus servos para que se dean á prostitución e a comeren carne sacrificada aos ídolos.
- 21Deille tempo para se arrepentir, pero ela non se quere arrepentir da súa prostitución.
- 22Ides ver como a vou encamar, e aos que se dean á prostitución con ela voulles mandar un gran sufrimento, a menos que se arrepintan das obras dela;
- 23e os fillos dela vounos matar cun andazo.
Así coñecerán todas as igrexas que eu son o que sonda os sentimentos e as intencións e o que vos dá a cadaquén segundo as vosas obras.
- 24Pero a vós, aos de Tiátira que non sodes desta doutrina e que non coñecedes os profundos misterios de Satanás __como eles din__, dígovos que non vos impoño outro peso.
- 25Unicamente que vos agarredes ben ao que tedes, ata que eu volva.
- 26Ao vencedor, a quen practique ata a fin as miñas obras,
heille dar poder sobre os xentís,
- 27e ha de os gobernar cun caxato de ferro,
e escachizaraos coma unha ola de barro,
- 28o mesmo que eu recibín poder do meu Pai; e heille dar o luceiro da alba.
- 29Quen teña oídos escoite o que o Espírito lles di ás igrexas.