LIBRO DA APOCALIPSE - Capítulo 21
Capítulo 21
UNHA NOVA CREACIÓN E UNHA NOVA XERUSALÉN
Visión dun mundo novo
- 1Logo vin un ceo novo e unha terra nova, pois o primeiro ceo e a primeira terra xa pasaran, e o mar xa non existía.
- 2Tamén vin que a cidade santa, unha Xerusalén nova, baixaba do ceo de onda Deus, preparada coma a esposa que está engalanada para o seu esposo.
- 3E sentín unha forte voz que desde o trono dicía:
__Velaquí a tenda de Deus onda os homes.
- Acampará entre eles:
- eles serán o seu pobo
e El será o seu Deus e compañeiro.
- 4Enxugará todas as bágoas dos seus ollos,
e a morte xa non existirá máis.
Nin haberá máis loito nin pranto nin dor,
porque as primeiras cousas pasaron xa.
- 5O que estaba sentado no trono dixo:
__Vede que volvo novas todas as cousas.
E mandóuseme:
__Escribe, porque estas palabras merecen fe e din a verdade.
- 6E seguiu dicindo:
__Xa están renovadas: eu son o Alfa e o Omega, o Principio e a Fin. A quen teña sede, heille dar de beber gratis auga das fontes da vida.
- 7O vencedor será herdeiro de todo isto. Eu serei para el o seu Deus e el será para min o meu fillo.
- 8Os covardes na loita, os que negan a fidelidade que prometeron, os corrompidos con abominacións, os asasinos, os luxuriosos, os bruxos, os idólatras e os que fían en mentiras, terán por lote a lagoa de xofre ardendo: que é a morte segunda.
A nova Xerusalén
- 9Logo veu un dos sete anxos que tiñan as sete cuncas cheas das sete derradeiras pragas, e falou comigo, dicindo:
__Ven acó, que che vou amosar a noiva, a esposa do Año.
- 10Levoume en espírito á cima dun monte moi grande e alto e amosoume a cidade santa, Xerusalén, que baixaba do ceo de onda Deus;
- 11tiña a gloria do mesmo Deus. O seu resplandor imitaba o dunha pedra moi preciosa, unha pedra cristalina de xaspe.
- 12Tiña unha muralla grande e alta con doce portas de entrada; e enriba das portas doce anxos; e escritos nelas os seus nomes, que son os das doce tribos dos fillos de Israel:
- 13tres portas polo nacente, tres portas polo norte, tres portas polo mediodía e tres portas polo poñente.
- 14A muralla da cidade tiña doce alicerces e sobre os alicerces, doce nomes, que son os dos doce apóstolos do Año.
- 15O que falaba comigo tiña consigo unha canivela de ouro, para medir a cidade coas súas portas e murallas.
- 16A cidade era cadrada, tan longa coma ancha. Tomoulle a medida coa súa canivela: tiña doce mil estadios; longo, ancho e alto eran iguais.
- 17Tomoulle a medida ao muro: tiña cento corenta e catro cóbados, medida normal de home, que usou o anxo.
- 18O material do muro era xaspe, e o material da cidade era ouro puro, semellante ao cristal purísimo.
- 19Os alicerces da muralla da cidade estaban con toda clase de pedras preciosas: os primeiros alicerces eran de xaspe, os segundos de zafiro, os terceiros de calcedonia, os cuartos de esmeralda,
- 20o quinto de sardónix, o sexto de cornalina, o sétimo de crisólito, o oitavo de berilo, o noveno de topacio, o décimo de crisópraso, o undécimo de xacinto e o duodécimo de ametista.
- 21As doce portas eran doce perlas, cada unha das portas era dunha soa perla. A praza da cidade era de ouro, puro coma cristal relucente.
- 22Nela non vin santuario ningún, porque o seu santuario é o Señor Deus, que todo o sostén, e mais o Año.
- 23A cidade non precisa sol nin lúa que a ilumine, que a ilumina a gloria de Deus; e o Año é a súa lámpada.
A vida na nova Xerusalén
- 24Os xentís pasearán á súa luz, e os reis da terra achegarán a ela a súa gloria.
- 25As portas endexamais non se pecharán de día, que noite alí non a hai.
- 26Alí levarán o esplendor e mais as riquezas das nacións;
- 27pero endexamais non entrará nela nada lixado nin ningún idólatra ou mentireiro: só os que están inscritos no libro da vida, que ten o Año.