LIBRO DA APOCALIPSE - Capítulo 22
Capítulo 22
- 1Daquela mostroume un río de auga vivificadora, clara coma un cristal, que saía do trono de Deus e do Año.
- 2Contra do medio da rúa principal da cidade, a unha e outra beira do río, había unha árbore da vida, que dá doce colleitas por ano, unha cada mes, e os froitos e as follas destas árbores son boas para curar ás nacións.
- 3Alí endexamais non haberá nada maldito. Nela estará o trono de Deus e mais do Año; e será alí onde os seus servidores o servirán.
- 4Verano cara a cara, e levarán o seu nome escrito na fronte.
- 5Alí endexamais non haberá noite nin precisarán da luz da lámpada nin da luz do sol, porque o Señor Deus será a luz que os alume, e eles serán reis polos séculos dos séculos.
EPÍLOGO
O anxo, Xoán e Xesús dan fe do libro
- 6Logo díxome:
__Estas palabras merecen fe e son verdadeiras, pois o Señor, o Deus que inspira os profetas, mandou o seu anxo, para que lles amosase aos que o serven as cousas que han acontecer axiña.
- 7Mira que veño deseguida. Benia o que fai caso ás profecías que están neste libro.
- 8Eu, Xoán, son o que oín e vin todo isto. Cando o acabei de oír e ver, prostreime en adoración aos pés do anxo que mo amosaba.
- 9Pero el díxome:
__Non, iso non! Eu son compañeiro de servizo teu e dos teus irmáns os profetas e dos que fan caso das palabras deste libro: adorar, adora a Deus.
- 10E díxome:
__Non gardes en secreto a mensaxe profética deste libro, que o intre do seu cumprimento está a chegar.
- 11Quen fai mal, que o siga facendo; o que é impuro, que siga na impureza; o que é honrado, que siga actuando honradamente; o de conciencia limpa, que a siga mantendo limpa.
- 12Mira que vou chegar axiña e traio comigo a miña paga, para lle pagar a cada un conforme o seu traballo.
- 13Eu son o Alfa e o Omega, o Primeiro e o Último, o Principio e a Fin.
Liturxia conclusiva
- 14Benia os que teñen lavada a súa roupa, para teren dereito á árbore da vida e a entraren polas portas da cidade.
- 15Fóra quedarán os cans, os bruxos, os luxuriosos, os asasinos, os idólatras, e todo o que é amigo das mentiras e fai trampas.
- 16Eu, Xesús, mandeivos o meu anxo, para que vos dese testemuño de todo isto que se refire ás igrexas. Eu son o renovo e a descendencia de David, o luceiro brillante da mañá.
- 17O Espírito e a esposa din:
__Ven.
Quen escoita, que diga:
__Ven.
Quen teña sede, que veña; o que queira, que colla de balde auga da vida.
- 18A todo o que escoite as profecías deste libro declárolle que, se alguén engade algo ao aquí escrito, Deus mandaralle as pragas escritas neste libro.
- 19E se alguén quita algo do contido neste libro profético, Deus quitaralle a súa participación da árbore da vida e da cidade santa, descritas neste libro.
- 20Quen testemuña estas cousas, di:
__Si, veño axiña.
Amén! Ven, Señor Xesús!
- 21A graza do Señor Xesús vos acompañe a todos!