LIBRO DA APOCALIPSE - Capítulo 3
Capítulo 3
A carta á Igrexa de Sardes
- 1Ao anxo da Igrexa de Sardes escríbelle:
Isto di quen ten os sete espíritos de Deus e as sete estrelas: Coñezo as túas obras; tes sona de estar vivo, pero estás morto.
- 2Ponte alerta, fortalece o que aínda che queda sen morrer, porque non atopei perfectas as túas obras diante do meu Deus.
- 3Acórdate, logo, do que recibiches e escoitaches: gárdao e arrepíntete, que, como non vixíes e esteas á espreita, vou vir coma ladrón e non vas saber a que hora vou caer sobre ti.
- 4Pero tes unhas poucas persoas en Sardes, que non lixaron os seus vestidos. Estas han pasear comigo vestidas de branco, porque son dignas.
- 5O vencedor vaise vestir así con vestidos brancos e endexamais non borrarei o seu nome do libro da vida e responderei por el diante do meu Pai e diante dos seus anxos.
- 6Quen teña oídos, escoite o que o Espírito lles di ás igrexas.
A carta á Igrexa de Filadelfia
- 7Ao anxo da Igrexa de Filadelfia escríbelle:
Isto di o Santo, o Verdadeiro,
quen ten a chave de David,
- quen, se el abre, ninguén pecha,
- e, se el pecha, ninguén abre:
- 8Coñezo as túas obras __olla que te puxen diante dunha porta ben aberta, que ninguén pode pechar__; coñezo que tes pouca forza, e mesmo así, cumpriches a miña palabra e non me negaches.
- 9Vas ver que che vou entregar algúns da sinagoga de Satanás, dos que din que son xudeus pero que non o son, porque menten. Vas ver que os vou facer poñerse aos teus pés e recoñecerán que eu te amo.
- 10Como ti gardaches as miñas palabras con perseveranza, tamén eu te gardarei a ti no intre da proba, que está a vir sobre todo o mundo, para pór a proba a toda a xente.
- 11Virei axiña. Agarra ben o que tes, para que ninguén che colla a túa coroa.
- 12Ao vencedor fareino columna do templo do meu Deus e prometo que xa non sairá fóra del; e escribirei nel o nome do meu Deus e o nome da cidade do meu Deus, da nova Xerusalén, a que baixa do ceo, de onda o meu Deus, e escribirei nel o meu nome novo.
- 13Quen teña oídos, escoite o que o Espírito lles di ás igrexas.
A carta á Igrexa de Laodicea
- 14Ao anxo da Igrexa de Laodicea escríbelle:
Isto di o Amén, a testemuña fiel e lexítima, o comezo da creación de Deus:
- 15coñezo as túas obras: ti non es frío nin quente. Quen me dera que foses frío ou quente!
- 16Pero, por seres morno, nin frío nin quente, voute vomitar da miña boca.
- 17Porque dis: “Son rico, xa teño fartura e non preciso de nada”; pero ti non sabes que es unha besta, dás mágoa, es un mendigo cego e espido.
- 18Aconsélloche que merques ouro do meu, que se acaba de aquilatar no lume, para te poñeres rico; e que merques roupa branca, para vestires ben e para que non se vexa a vergonza da túa nudez; e que merques colirio para untar os teus ollos e así poderes ver.
- 19Que eu a quen lles quero ben, rífolles e corríxoos. Ponte de xenio e convértete!
- 20Mira que hai tempo que estou a petar na túa porta. Se alguén escoita a miña voz e abre a porta, eu entraría cabo del e cearía con el e el comigo.
- 21Ao vencedor outorgareille sentar onda min no meu trono, do mesmo xeito que tamén eu vencín e sentei cabo do meu Pai no seu trono.
- 22Quen teña oídos, escoite o que o Espírito lles di ás igrexas.